EDUCACIÓN E CIDADANÍA
Aberta a inscrición no Programa de Conciliación de Semana Santa
A Concellaría de Educación e Cidadanía abriu este martes 6 de marzo o prazo de inscrición e matrícula no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa. A data límite para formalizar a inscrición é o mércores 14 de marzo.
MEDIO AMBIENTE
Máis de dúas toneladas e media de pilas e aparellos recollidas na campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos"
Unha xornada sobre "O papel das cidades na economía circular", celebrada no Cersia, serviu este martes de peche á campaña "Longa vida aos teus residuos electrónicos". O programa, impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, permitiu xestionar máis dunha tonelada e media de residuos electrónicos e unha tonelada de pilas.
ESPAZOS CIDADÁNS
Aprobadas as bases da convocatoria de subvencións estatais e autonómicas para as ARIS
O Goberno local vén de aprobar as bases reguladoras da convocatoria de subvencións para a rehabilitación de edificios e vivendas das ARIS da Cidade Histórica, Pontepedriña, Vista Alegre e Vite. Trátase das axudas vinculadas ao Plan Estatal de Vivenda, que se achegan a 1,7 millóns de euros.
IGUALDADE
Concepción Arenal presidirá a praza da Universidade durante o mes de marzo
A concelleira de Igualdade, Marta Lois, acudiu esta mañá á colocación da estatua de Concepción Arenal que presidirá a praza da Universidade durante o mes de marzo. A intervención urbana parte da Facultade de Filosofía da USC e enmárcase dentro das actividades do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
Santiago acollerá a vindeira xuntanza do Grupo de Educación do Eixo Atlántico
O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, presidiu hoxe en Vila Nova de Famalicao (Braga) a reunión do Grupo de Educación do Eixo Atlántico. Na reunión decidiuse que Santiago de Compostela acollerá, o vindeiro 20 de marzo, a xuntanza na que os membros da entidade concretarán o funcionamento dos intercambios escolares na Eurorexión.
IGUALDADE
Aberta a mostra "Espellos de pedra", que conta a historia de 18 mulleres a través da fotografía
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, visitou hoxe a exposición Espellos de pedra que se poderá visitar durante os meses de marzo e abril en varias rúas da cidade, no marco da programación do 8 de marzo. Na visita estivo acompañado pola concelleira de Igualdade, Marta Lois, o fotógrafo Gabriel Tizón, membros da Corporación compostelá e algunhas das protagonistas das fotografías.
CONSORCIO
A Real Filharmonía realizará esta semana unha xira cun programa dedicado a Haydn
A Real Filharmonía de Galicia ofrece tres concertos esta semana. O primeiro terá lugar o mércores 7 no Teatro Afundación de Vigo, ás 20:30 horas, no marco da tempada de música clásica da Sociedade Filharmónica de Vigo e Afundación. O xoves, a orquestra tocará no Círculo das Artes de Lugo, ás 20:00 horas. E o venres, a cita será no Auditorio Municipal de Ferrol, ás 20:30 horas.
MEDIO AMBIENTE
Sés, protagonista dun concerto-coloquio dentro da campaña "Descarboniza! Que non é pouco..."
A cantante Sés vai ser a protagonista dun concerto-coloquio dentro do proxecto Descarboniza! Que non é pouco..., que impulsa a Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia en colaboración co Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental da Universidade de Santiago. Será o próximo 20 de marzo no Teatro Principal, baixo o título de "Milonga climática".
ALCALDÍA
A primeira Asemblea Xeral de 2019 do Grupo de Cidades Patrimonio celebrarase en Santiago
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou este sábado en Salamanca na Asemblea Xeral do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España, máximo órgano de goberno da entidade que reúne aos alcaldes das 15 cidades españolas cuxos centros históricos foron inscritos na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco. Unha das decisións do órgano foi que a primeira Asemblea Xeral de 2019 se celebre en Santiago.
XUNTA DE GOBERNO
Adxudicadas as obras de recuperación do itinerario fluvial do Sarela
A Xunta de Goberno adxudicou este venres as obras de recuperación do itinerario fluvial "De Ponte a Ponte polo río Sarela", unha actuación posible grazas á colaboración entre o Concello e o Consorcio. Ademais, aprobouse o proxecto dun novo parque infantil en Lavacolla e abriuse o procedemento de contratación da nova iluminación do pavillón polideportivo de Fontiñas.