LINGUA
En marcha a segunda edición de #Fotolingua
O alcalde presentou hoxe a segunda edición do concurso #Fotolingua, organizado polo Departamento de Lingua do Concello de Santiago co obxectivo de darlle visibilidade aos establecementos comerciais que fan uso do galego. Martiño Noriega explicou que, con este certame, "trátase de chamar a atención da cidadanía para que valore os establecementos que se comprometen co uso da nosa lingua, e de facilitar que eses establecementos comproben que empregar o galego é unha vantaxe competitiva".
TURISMO
SantYaGo10K reserva dorsais para os peregrinos que cheguen a Santiago na fin de semana da carreira
A concelleira de Turismo, Marta Lois, e o presidente do Club de Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey, presentaron SantYaGo Peregrina, que permitirá que os peregrinos que cheguen a Santiago nos días previos ou no mesmo día da carreira nocturna de Santiago poidan inscribirse a participar na mesma na propia praza do Obradoiro.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
A unidade didáctica "O soño roto" achegaralles aos escolares a historia republicana de Compostela
O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, acompañado de dous profesores da Facultade de Historia, Alfonso Iglesias e Emilio Grandío, deron a coñecer esta mañá a unidade didáctica O soño roto. Educación, sociedade e política na Compostela republicana.
ALCALDÍA E EDUCACIÓN
Aberto o VII Ciclo de Sesións Didácticas da Escola Municipal de Música
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, asistiron este martes no CEIP Monte dos Postes ao primeiro concerto do 7º Ciclo de Sesións Didácticas da Escola Municipal de Música, que se imparten nos centros de ensino de Educación Infantil e Primaria de Compostela. Quen é quen: os instrumentos que viven na EMM é o título deste programa, que se desenvolverá ao longo dos meses de abril e maio e no que está prevista a participación de máis de 500 escolares.
ALCALDÍA E DEPORTE
A Quintana acolleu as actividades do Día da Educación Física na Rúa
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado pola concelleira de Deporte, Noa Morales, asistiu ás actividades celebradas na praza da Quintana con motivo do Día da Educación Física na rúa. Máis de 800 estudantes participaron durante a mañá en coreografías grupais, adestramento persoal, exercicios hipopresivos, circuítos de cinco estacións, percusións corporais, rondos cubanos e hip hop.
LINGUA
Últimos días para participar no certame "Enreguéifate"
O vindeiro domingo, 30 de abril, concluirá o prazo para participar no certame de regueifas en vídeo Enreguéifate. Esta iniciativa, promovida polo Departamento Municipal de Lingua, enmárcase dentro dunha campaña desenvolvida polo Concello compostelán co obxecto de apoiar a difusión desta forma de improvisación oral tradicional e contribuír a través dela á promoción do uso da lingua galega.
CONSORCIO
O Consorcio de Santiago saca a concurso as obras de conservación da igrexa de San Pedro de Busto
No marco das actuacións que o Consorcio de Santiago leva a cabo no patrimonio do termo municipal, e moi estreitamente relacionado coa cidade histórica e os Camiños de Santiago, vaise intervir na igrexa de San Pedro de Busto, do século XII, situada na parroquia de Busto. O organismo interadministrativo acaba de sacar a obra a concurso, por un orzamento global de 35.385,46 euros. As empresas interesadas deberán presentar as súas propostas ata o vindeiro 22 de maio.
CONSORCIO
A Real Filharmonía de Galicia achega esta semana aos nenos e nenas o conto clásico "Pedro e o lobo", de Prokofiev
A Real Filharmonía de Galicia (RFG) celebra esta semana dous concertos didácticos dirixidos a estudantes de Primaria. O primeiro será este mércores 26, ás 11:00 horas; e o segundo o xoves 27, tamén ás 11:00 horas. Ambas as dúas citas terán lugar no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela.
CONSORCIO
A Casa do Cabido chega ao seu visitante número 100.000, cando se cumpren cinco anos da súa apertura como museo
O Consorcio de Santiago rehabilitou por completo en 2011 o edificio barroco coñecido como Casa do Cabido, situado na praza das Praterías, unha das principais expresións da arte barroca na cidade, trazado por Clemente Fernández Sarela no século XVIII. O 10 de xaneiro de 2012 abría as súas portas como sede de exposicións temporais promovidas dende o organismo interadministrativo. Esta semana acadouse o visitante número 100.000, logo de cinco anos da apertura do inmoble con uso cultural, cunha media de 20.000 visitantes ao ano.