XUNTA DE GOBERNO
Aprobado o convenio de colaboración coa Fundación Refuxio de Animais
A Xunta de Goberno aprobou hoxe o convenio de colaboración entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais de Bando, por un importe de 158.350 euros. Son 23.000 euros máis que en 2015. O alcalde, Martiño Noriega, salientou a importancia deste acordo "para inxectar liquidez no Refuxio, despois dunha situación complicada porque o Goberno anterior non incluíra o convenio nos orzamentos do ano pasado".
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
Aberta a inscrición no Programa de Conciliación de Verán
O vindeiro luns, 16 de maio, a Concellaría de Educación e Cidanía abrirá o prazo inscrición e matrícula no Programa Municipal de Conciliación para o Verán 2016, que se desenvolverá no período das vacacións (xuño, xullo e setembro) nas instalacións dos CEIPs As Fontiñas e Raíña Fabiola. O prazo de matrícula estará aberto ata o martes 31 de maio.
IGUALDADE
Minuto de silencio no Obradoiro polas últimas vítimas da violencia machista
A praza do Obradoiro acolleu unha concentración para condenar os últimos asasinatos machistas, que deixaron onte vítimas en Tenerife e Canyelles (Barcelona).
ACCIÓN CULTURAL
A compañía Al Tran Trán presenta "The Monguers" dentro de Imperdible, o Festival Internacional de Impro de Galicia
Imperdible, o Festival Internacional de Impro de Galicia, presenta a obra The Monguers no Teatro Principal, coa compañía Al Tran Trán. Será este domingo a partir das 20:30 horas e as entradas teñen un prezo de 10 euros (5 cos descontos habituais do Teatro, así como presentando a entrada de calquera dos espectáculos do festival en Unitaria. Poden mercarse no despacho de billetes do Teatro Principal de 18:00 a 21:00 horas, no 902 434 443 ou en entradas.abanca.com.
FACENDA
O Concello aboaralle ao persoal municipal o último semestre da paga extra do ano 2012
O Goberno local aboará na nómina do mes de maio do persoal municipal do Concello o último semestre da paga extra de 2012, retida polo Executivo central.
ESPAZOS CIDADÁNS
O concelleiro de Espazos Cidadáns participa en Zaragoza no Observatorio Municipal de Rehabilitación impulsado pola FEMP
O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade participa hoxe en Zaragoza nunha reunión do Observatorio Municipal de Rehabilitación, impulsado pola Federación Española de Municipios y Provincias e a Fundación La Casa que Ahorra.
CONSORCIO
O Consorcio destinou nos últimos tres meses 42.612 euros ao mantemento e reparación dos pavimentos da cidade histórica
O Consorcio de Santiago destinou un total de 42.611,93 euros nos últimos tres mes deste ano ao servizo de reparación, mantemento e conservación dos pavimentos do recinto intramuros da cidade histórica. Entre febreiro e maio actuouse en 18 rúas e prazas, cun total de 88 intervencións.