ECONOMÍA
Ponse en marcha o programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego "Emprende en positivo"
A concelleira de Emprego, Reyes Leis, xunto co presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey, e o director xeral da Fundación Incyde, Javier Collado, participou na inauguración do programa de creación e consolidación de empresas e autoemprego "Emprende en positivo", no que colaboran o Concello, a Fundación INCYDE e a Cámara de Comercio. O acto celebrouse no viveiro de empresas da entidade cameral.
XUNTA DE GOBERNO
Adxudicada a instalación de céspede transitable nas rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro (Guadalupe)
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria desta semana, adxudicou o subministro e instalación de céspede transitable para o acondicionamento das rúas García Lorca e Celso Emilio Ferreiro, no barrio de Guadalupe. Tamén se deu o visto bo ao inicio das obras da rede de saneamento no lugar de Sarela de Arriba, na parroquia da Peregrina.
CENTROS SOCIOCULTURAIS E OBRAS
Visita aos barrios de Santa Marta e Conxo
Os concelleiros de Centros Socioculturais, Francisco Noya, e da Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, visitaron Santa Marta e Conxo. Estiveron nos seus centros socioculturais, con intensa actividade este outono, e analizaron algunha demanda veciñal para estes barrios.
BENESTAR SOCIAL
Tres obradoiros e unha mesa redonda incidirán en Fontiñas na prevención de situacións vulnerables entre os adolescentes
A concelleira de Benestar Social, María Castelao, presentou o proxecto comunitario A nosa vida en positivo?: vulnerabilidade social en adolescentes; reflexións técnicas e experiencias vitais. Esta iniciativa, que vincula os aspectos educativo e social, dende unha óptica preventiva, porase en marcha entre mozos e mozas de entre 15 e 17 anos do IES Antonio Fraguas (Fontiñas) e inclúe tres obradoiros e unha mesa redonda.
ALCALDÍA
Encontro do alcalde coa embaixadora de Sudáfrica en España
O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu a embaixadora de Sudáfrica, Fikile Magubane. No encontro tamén participaron os concelleiros Francisco Noya e Amelia González.
XUVENTUDE
Arrancou o programa "Busco parella...lingüística"
A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, asistiu no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche ao inicio do programa Busco parella...lingüística, posto en marcha polo Concello en colaboración coa USC.
MOBILIDADE
A xornada de intensas choivas e vento obrigou a reforzar os servizos municipais de seguridade e emerxencia
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Luis Bello, deu conta das principais incidencias da última tarde-noite de choiva e vento, na que se recolleron uns 94 litros por metro cadrado, con rachas de vento de 44 km/h. Esta situación, que obrigou a decretar a alerta laranxa por Emerxencias de Galicia, provocou diversas bolsas de auga, inundacións en baixos e locais comerciais e caídas de árbores e muros.
URBANISMO
A urbanización da zona de Galeras permitirá incorporar á cidade outros 8.000 metros cadrados de zonas verdes
O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado pola concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitou a zona de Galeras onde neste intre se está a construír un edificio de promoción privada para 81 vivendas. O proxecto de reparcelación da mazá supón a cesión ao Concello dunha praza pública e dunha zona verde.
CULTURA
Novas funcións de "O país do Pato Donald’ no ciclo Teatro & Danza
A Zona C acolle as propostas escénicas máis alternativas do programa e, tras a estrea do guateque global Mornings, de Blanca Cendán e Suso Alonso, e da poesía expandida (Retro)visor, de Antía Otero e Isaac Garabatos, chegou o mércores 16 a compañía galega Lagarta, Lagarta coa obra O país do Pato Donald, con Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dirixidos por Xulio Lago. Agora, esta semana temos de novo funcións da obra, dende o mércores ata o domingo.
CULTURA
O Teatro Nacional Dona María de Lisboa chega ao Principal os días 25 e 26 de outubro na súa primeira actuación en Galicia
A compañía do Teatro Nacional Dona María II (TNDM) de Lisboa visitará Galicia por vez primeira para presentar os días 25 e 26 de outubro en Santiago, no Teatro Principal, o espectáculo Gil Vicente na horta. Chega da man da Consellería de Cultura e Educación e do Concello de Santiago dentro da relación entre os teatros públicos de Galicia e Portugal e para afondar na promoción da lusofonía desde o ámbito da escena.