POLÍTICAS SOCIAIS
O Concello conmemora con Sarela o Día do Dano Cerebral Adquirido
A praza do Obradoiro acolleu este mediodía un acto para conmemorar o Día do Dano Cerebral Adquirido, que dende o ano 2007 se celebra cada 26 de outubro. Este día resposta a unha vella reivindicación do movemento asociativo manifestada no III Congreso do Dano Cerebral, celebrado en Pamplona en 2006, co fin de mobilizar a sociedade e implicala na prevención deste tipo de lesións.
PATRIMONIO
O proxecto Smartiago, analizado en Tarragona na xornada Smart Heritage City
Preto de 150 participantes e cinco mesas de traballo foron as cifras da primeira Xornada Internacional TGN Smart Heritage City, celebrada en Tarragona, con relatores chegados de todos os puntos do pais, e que mostraron iniciativas, propostas e realidades de cidades que usan o concepto Smart e aplícano no seu patrimonio cultural. Santiago de Compostela estivo presente co seu proxecto Smartiago, que foi explicado polo xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio, Xosé Allegue.
CONSORCIO
O Consorcio remata as obras de reparación das cubertas do Auditorio de Galicia
O Consorcio de Santiago acaba de rematar as obras de reparación das cubertas do Auditorio de Galicia, por un importe global de 356.950 €. A empresa responsable desta intervención foi Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración, S.L.
ALCALDÍA
O alcalde participa no encontro de apertura dunha nova edición do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC"
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, asistiu este venres no Pazo de Fonseca a unha xuntanza entre equipos directivos e de orientación de máis dun cento de centros de ensino medio de toda Galicia e responsables da USC, na que se trataron cuestións de interese para o alumnado que cursa o derradeiro ano de ensino secundario. Este encontro marca o inicio dunha nova edición do programa "A ponte entre o ensino medio e a USC".
TURISMO
Santiago de Compostela promociónase como destino de congresos no Iberian Mice
O Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para a promoción como destino de Congresos, Xornadas e Incentivos, participa entre o 25 e o 27 de outubro no Iberian Mice, que se celebra en Braga.
CONVIVENCIA
Trece policías locais de Santiago reciben a distinción de honra ao corpo da Policía Local de Galicia
Un total de 13 policías locais de Santiago recibiron este mediodía as distincións de honra ao corpo da Policía Local de Galicia, coas que se recoñecen as súas traxectorias de máis de 25 anos. Foi nun acto celebrado na Academia Galega de Seguridade, e ao que asistiu o concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro.
ALCALDÍA
O alcalde recibe un grupo de xubilados e xubiladas de Tafalla (Navarra)
O rexedor compostelán, Martiño Noriega, recibiu un grupo de xubilados e xubiladas do municipio de Tafalla (Navarra), acompañados/as polo seu alcalde, Arturo Goldaracena. No acto tamén participaron o voceiro socialista, Francisco Reyes, e o concelleiro popular Alejandro Sánchez-Brunete.
FACENDA
Remata o prazo de votación dos OP Compostela Decide cun incremento na participación do 33%
A concelleira de Facenda, María Rozas, presentou hoxe o resultado do proceso Compostela Decide, que incrementou a participación nun 32,90% con respecto á súa edición anterior. Foron máis de 2.500 os votos emitidos este ano, e 1.177 novas persoas inscritas nas diferentes fases do proceso. As propostas gañadoras nesta fase de votación, que suman entre todas 1.500.000 €, incorporaranse ao proxecto de orzamento municipal de 2019.
MOCIDADE
Comeza o proxecto "Círculos de lectura", de análise crítica dos medios de comunicación
A concelleira de Mocidade, Noa Morales, deu conta hoxe dunha nova actividade dos orzamentos participativos do ano pasado que leva por nome Círculos de lectura. Unha crítica social dos medios de comunicación. Na rolda estivo acompañada de dous dos propoñentes, Jacobo Pérez e Luis Ogando.
EDUCACIÓN E ACCIÓN CULTURAL
Case 400 escolares celebran o Día de García Lorca en Santiago coa lectura de "Seis poemas galegos"
Un ateigado Teatro Principal acolleu esta mañá o acto que organizou o Concello con motivo do 25-O "Día de Lorca en Santiago", no que participaron 370 alumnos e alumnas dos centros Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Rosalía de Castro, López Ferreiro, Compañía de María e Nosa Señora dos Remedios.