XUNTA DE GOBERNO
O Goberno acorda destinar fondos provinciais á reparación da Ponte de Vidán e á renovación da rúa Santa Teresa Jornet
A Xunta de Goberno aprobou hoxe a participación do Concello na primeira fase do POS+Adicional 2019 da Deputación da Coruña, con tres proxectos aos que se destinarán case 725.000 euros. A maior contía, preto de 450.000 euros, será para a reparación e consolidación da Ponte de Vidán de Abaixo. Ademais, acometerase a rexeneración e reforzo do pavimento da calzada da rúa Santa Teresa de Jornet, cun orzamento de 220.000 euros; e acondicionarase un parque infantil en Coto dos Olmos, cunha partida de case 57.000 euros.
MERCADOS
Cuarta edición da campaña "Quere o teu mercado"
A concelleira de Mercados, Noa Morales, participou este xoves na Praza de Abastos na presentación dunha nova edición da campaña "Quere o teu mercado". Na rolda tamén estiveron a xerenta do Mercado de Abastos, Marta Rey, e a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez.
CONSORCIO
O Consorcio de Santiago conmemora o Día das Letras Galegas coa entrega de libros en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido este 17 de maio
Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, este venres, 17 de maio, o Consorcio de Santiago fará entrega de publicacións en galego a todas as persoas que visiten a Casa do Cabido (na praza das Praterías) ao longo da xornada, ata que se esgoten as existencias.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
As escolas infantís municipais celebraron as Letras Galegas
As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños dedicaron esta semana a celebrar a festa da familia, a das Letras Galegas e os Maios. Nenos e nenas traballaron en diferentes talleres nos que fixeron manualidades coas que agasallar ás súas familias.
ESPAZOS CIDADÁNS
Denuncia ante a agresión sufrida polo petróglifo do Castriño de Conxo
O Concello de Santiago vén de denunciar a agresión sufrida polo petróglifo do Castriño de Conxo, que apareceu danado, aparentemente por un obxecto punzante. O Departamento de Espazos Cidadáns solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e á Policía Autonómica a súa colaboración para esclarecer os feitos.