EDUCACIÓN
A Escola Municipal de Verán botou a andar na súa edición de setembro en catro centros educativos
A sexta edición da Escola Municipal de Verán botou a andar na súa edición de setembro. Organizada polo Departamento de Educación do Concello de Santiago, en colaboración coas diversas asociación da cidade, como Don Bosco, Asociación Galega para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación Xuvenil Cruz Vermella e Fundación Fesán entre outros, desenvolverase nos CEIP de Fontiñas, Quiroga Palacios, Colexiata de Sar e Pío XII. Será do 3 ao 7 de setembro.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Sete proxectos premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais de Compostela Activa
Artefacto Producciones, ELA Enxeñería e Medio Ambiente, Adestra Vida, I+D SL, ASLI Axencia de Servizos Lingüísticos Integrais, EIRADO Consumidores de Produtos Ecolóxicos e O Gato Verde foron os sete proxectos premiados no Concurso de Novas Ideas Empresariais Compostela Activa 2007. Presentáronse 27 proxectos empresariais a este certame, que estimula e apoia a persoas que teñen unha idea de negocio, facilitándolles a posta en marcha do proxecto empresarial.
CULTURA
O Concello rehabilitará a Casa das Máquinas (Galeras) para albergar o Centro de Estudos Locais Ánxel Casal
A Casa das Máquinas (o edificio de Fenosa en Galeras) será rehabilitado para albergar o Centro de Estudos Locais Ánxel Casal. Este proxecto ponse en marcha coa aprobación por parte da Xunta de Goberno e o inicio do expediente de contratación de dúas asistencias técnicas: unha para a redacción do proxecto básico (29.991 euros) e outra para a realización de análises específicas dos materiais estruturais e catas da cimentación do edificio (17.400 euros).
URBANISMO
Cen mil euros para actualizar a cartografía municipal
O Goberno local aprobou o prego e iniciou o expediente de contratación dunha asistencia técnica para a actualización permanente da cartografía de referencia municipal. O tipo de licitación será de 100.000 euros, que permitirán a obtención de cartografía numérica renovada, utilizando como documentación de partida a actual.
EDUCACIÓN
Adxudicada a xestión da Escola Municipal de Música
A Xunta de Goberno adxudicou á empresa Trobeiro a xestión da Escola Municipal de Música. O importe desta adxudicación é variable en función do número de alumnos. Así, ata 200 persoas matriculadas, será das tarifas dos usuarios máis 120.000 euros. A partir de 200 matriculados, o importe estará composto polas tarifas dos usuarios máis 360 euros por alumno e ano, cun máximo de achega municipal de 90.000 euros.