CASCO HISTÓRICO
O Concello comunicoulle a orde de peche ao propietario do local do número 6 da rúa de San Francisco pola súa situación de ilegalidade
A concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, explicou polo miúdo as razóns polas que se abriu expediente urbanístico ao propietario do inmoble situado no número seis da rúa de San Francisco. O mesmo abriu o seu negocio sen ter licenza de primeira apertura e requiríuselle que levante o muro que derrubou ilegalmente. En caso contrario, o local será precintado ata que se restitúa a súa legalidade.
SEGURIDADE
A vixilancia nocturna verase reforzada os xoves, venres e sábados
O encontro que mantiveron o alcalde da cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo e o novo comisario xefe da Policía Nacional de Santiago, José Luis Fernández, serviu para poñer de manifesto que a colaboración entre o Concello e o Ministerio de Interior, entre a Policía Local e a Nacional, segue a producir bos resultados para Compostela e os seus habitantes.
CONSORCIO
Compostela amosa a obra do arquitecto galego Alejandro de la Sota
A exposición "Alejandro de la Sota: proxectos e maquetas", promovida polo Consorcio de Santiago, pode verse a partir do venres 15 e ata o 11 de outubro no centro A Chocolatería. Ocasión para contemplar a obra dun arquitecto galego "de gran recoñecemento no Estado e que desenvolveu o seu labor en tempos moi pouco proclives", segundo indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, na presentación da mostra.
ALCALDÍA
Néstor Rego asume a alcaldía en funcións ata o día 22
Desde o venres 15 de setembro, e ata o vindeiro día 22, Néstor Rego asumirá as funcións de alcalde, debido á viaxe que o rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, realizará a Madrid e a Bos Aires.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Chuvia de novas empresas ao abeiro do proxecto Equal Compostela Social
O proxecto Equal Compostela Social comeza a recoller os seus froitos. Logo dun ano de execución, o número de empresas xa creadas ou a piques de comezar a súa actividade chega ás 16, todas elas asentadas na cidade de Santiago e a súa área de influenza.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Comeza a súa andaina "O mundo da cor", unha academia de pintura nacida a raíz do proxecto Equal Compostela Social
"O mundo da cor" é unha das máis de dezaseis iniciativas xurdidas nos últimos tempos dentro do proxecto Equal Compostela Social, que coordina a concellaría de Promoción Económica e Emprego e no que participan outras entidades e organismos da cidade, así coma varios concellos da bisbarra compostelá.
CULTURA
Joan Rodgers e Roger Vignoles interpretan obras de Schumann, Mozart, Mussorgski e Shostakovich no concerto inaugural do VII Ciclo de Lied
Protagonismo ruso na primeira noite do Ciclo de Lied no Principal. Ademais de pezas de Schumann e Mozart, a soprano Joan Rodgers e o pianista Roger Vignoles incluirán no seu repertorio as cancións de "O cuarto dos nenos" compostas por Mussorgski en 1873 e as 'Sátiras' de Shostakovich.
POLÍTICA LINGÜÍSTICA
Unha campaña promoverá a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas
A Concellaría de Política Lingüística colaborará coa Deputación da Coruña na posta en marcha de dúas campañas, unha de promoción da transmisión interxeracional da lingua galega e outra de difusión das boas prácticas lingüísticas na Administración local. Estas iniciativas son froito dun convenio asinado entre ámbalas institucións e supoñen un investimento de 56.800 euros.