DEPORTES
O alcalde recibiu as seleccións de fútbol feminino de España e Austria
O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, recibiu en Raxoi as seleccións de fútbol feminino de España e Austria, que se enfrontarán no Estadio de San Lázaro o mércores 15, ás 20:45 horas.
TURISMO
Santiago de Compostela acolle a segunda edición de Retro Galicia
A concelleira de Turismo, Reyes Leis, e o director xeneral de Eventos del Motor, José Enrique Elvira, presentaron no Pazo de Raxoi a segunda edición de Retro Galicia, o Salón do Vehículo Clásico e de Época. O evento celebrarase do venres 17 ao domingo 19 no recinto feiral de Amio. A edición do 2011 tivo 20.000 visitantes, amosando o interese que espertan os eventos relacionados co motor.
RECOLLIDA DE LIXO
O Concello lanza unha campaña para fomentar o uso dos puntos limpos
O concelleiro de Barrios, Servizo de Recollida de Lixo e Limpeza Viaria e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, presentou unha campaña para fomentar o uso dos puntos limpos de Piñor (Figueiras) e do Polígono do Tambre. Repartiranse 25.000 imáns que informan da dirección e do teléfono destas instalacións, para que os cidadáns poidan solicitar de balde a retirada dos seus residuos voluminosos.
ENTROIDO
O Entroido 2012 trae festivais, desfiles, premios e moita animación
Xa está aberto o prazo para inscribirse e participar no desfile-concurso do Entroido 2012. que terá lugar o martes 21 de febreiro. Pero a animación comezará xa antes, o sábado 12, dando paso a uns días de festivais, desfiles e animación nas rúas. O orzamento para esta celebración é de 75.000 euros, case un 25% menos que no ano 2011.
ALCALDÍA
Os alcaldes da Mancomunidade deixan de percibir as dietas por asistir aos plenos
O alcalde, Xerardo Conde Roa, presidiu o Pleno da Mancomunidade de Santiago. Na reunión e a proposta do rexedor compostelán, acordouse que os alcaldes desta entidade supramunicipal deixen de percibir as dietas asignadas pola asistencia a estes plenos, que eran de 90 euros por sesión.