XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno dá luz verde ao proxecto para mellorar a accesibilidade en 14 puntos do concello

06/05/2024 O executivo local aprobou hoxe o proxecto básico e de execución para a mellora da accesibilidade no Concello de Santiago por un importe de preto de 240.000 euros. Tamén aprobou a encomenda da execución do segundo tramo da Vía Verde á Deputación da Coruña e deu luz verde ao convenio para o finaciamento da capitalidade por 2,4 millóns de euros.

Na sesión ordinaria de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou o proxecto básico e de execución para a mellora da accesibilidade no Concello de Santiago cun orzamento de 237.470,05 €, IVE engadido, e un prazo de execución de 8 meses.

O proxecto, resultado da colaboración con COGAMI, recolle 14 actuacións para a eliminación doutras tantas incidencias na vía pública que dificultan a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida. Maioritariamente actuarase en pasos de peóns e itinerarios peonís nos seguintes puntos: rúa do Río, xunto ao cruzamento coa rúa do Lavadoiro; rúa do Lavadoiro, xunto á Escola Infantil Municipal de Meixonfrío; cruzamento da rúa do Avío, rotonda superior da rúa; paso de peóns na rúa do Avío; cruzamento da rúa dos Irmandiños; paso de peóns e praza do aparcadoiro na rúa dos Xasmíns, cruzamento coa ruela da Estila; cruzamento das rúas de Betanzos e de Proxecto Vagalume, acceso ao CEIP Apóstol Santiago; paso de peóns na rúa de Betanzos, xunto ao camiño peonil cara á rúa de Tomiño; cruzamento da avenida Qurioga Palacios e Costa do Vedor; cruzamento na rúa Gómez Ulla, cruzamento coa rúa do Hórreo; paso de peóns na rúa do Outeiro do Sar, cruzamento coa rúa de Dublín; paso de peóns na rúa de Dublín, xunto á Costa do Vieiro; rúa de Berlín, entorno do acceso ao Centro Comercial Área Central; rúa de Varsovia, pasos de peóns no entorno de acceso ao Centro Comercial Área Central.

As intervencións consistirán, fundamentalmente, na demolición de pavimentos e bordos, escavación de terreos e recheos, nivelación con formigón e pavimentación de beirarrúas, elevación de pasos de peóns e instalación de novos sumidoiros, nova pavimentación podotáctil, retirada de sinalización e recolocación e colocación de varandas.

Segundo tramo da Vía Verde

Tamén se aprobou a formalización dun convenio de colaboración entre o Concello e a Deputación da Coruña para a execución das obras do proxecto construtivo da "Vía Verde-Santiago de Compostela-Tramo 2". En virtude deste convenio encoméndaselle ao ente provincial a execución do proxecto de obra, que conta cun orzamento previsto de 1.023.407,8 euros dos cales o Concello achegará 144.981,56 euros.

Este segundo tramo conta cunha lonxitude total a acondicionar de 8.015 metros no tramo comprendido entre un camiño veciñal situado no punto quilométrico 2,165 que corresponde ao final do tramo 1, e a ponte sobre o río Tambre, no punto quilométrico 10,180. Todo este tramo 2 transcorre íntegro polo concello de Santiago.

Neste tramo, a Vía Verde atravesa o túnel de Reconco, de 390 m de lonxitude, que se atopa en bo estado estrutural, aínda que presenta algúns problemas no recubrimento e filtracións con pingadas localizadas. Tamén atravesa dúas pontes, o viaducto de Reconco sobre o regato Sionlla, no quilómetro 3,633, de 109 m de lonxitude; e o viaducto sobre o río Tambre, no quilómetro 10,135, de 93 m de longo.

Entre as actuacións que se van realizar figura o acondicionamento do acceso á estación de Verdía, no punto quilométrico 4,90, coa adecuación dunha área de descanso, no quilómetro 5, na que se proxecta a instalación de equipamento como bancos, mesas, aparcabicis, e unha estación de recarga para bicicletas eléctricas.

Capitalidade

O texto do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago de Compostela para sufragar os gastos derivados da condición de capital de Galicia para 2024 foi outro dos asuntos aprobados hoxe. A achega da Xunta é de 2.392.425 €.

Tamén se deu luz verde a outro convenio, neste caso coa Cociña Económica por un importe de 60.000,00 euros.

Documentos relacionados



Compartir: