CENTROS SOCIOCULTURAIS

Máis prazas e máis actividades nos Clubs de Verán para a cativada dos Centros Socioculturais

29/04/2024 A Concellaría de Centros Socioculturais pón en marcha os seus Clubs de Verán, que se desenvolverán no mes de xullo en 15 equipamentos da rede, 8 deles na zona urbana e 7 no rural. En total, ofértanse 425 prazas para nenos e nenas desde os tres ata os 18 anos, dependendo do centro e da actividade. O medio ambiente, as novas tecnoloxías, e a interculturalidade serán algunhas das temáticas sobre as que se traballe no marco deste programa. O prazo de preinscrición abre o 3 de maio.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou hoxe os Clubs de Verán para a cativada, enmarcados no programa Vive o Verán. O edil salientou que a oferta "é moi ambiciosa tanto nos números como nos proxectos, porque falamos dunha iniciativa que chegará a 15 centros, que ofrece alternativas adaptadas para unha franxa de idade moi ampla, e na que se traballarán temáticas moi diversas, abordadas dun xeito lúdico e educativo". Ademais, explicou que "os Clubs de Verán pretenden ser unha alternativa para as familias no mes de xullo, xa que ainda que o horario das actividades é de 10 a 14 horas, a maioría dos centros ofertan horario extensivo desde as 8 da mañá ata as 3 da tarde". Xan Duro salientou que a programación está deseñada "para ser moi participativa, para que sexa a propia cativada a que vaia dirixindo as actividades, nas que a priroidade será fomentar a convivencia con xogos, xincanas, obradoiros ou saídas pola contorna dos propios centros".

Actividades nos centros urbanos

Os Clubs de Verán chegarán este ano a oito centros socioculturais urbanos, con actividades diferentes en cada un deles que sumarán 245 prazas. Así, na Pontepedriña, Castiñeiriño e Vite traballarase sobre cuestións relacionadas coa interculturalidade e co coñecemento da propia cidade e do barrio; en Fontiñas as actividades estarán centradas no medio ambiente; en Santa Marta fomentaranse as actividades artísticas; e no Romaño haberá un club de verán dedicado aos vikingos. En Conxo traballarase a partir dos diferentes clubs que xa existen vinculados ao centro sociocultural, e no Ensanche haberá unha dobre oferta: as mañás de aventuras para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, e o campamento tecnolóxico dirixido á cativada de entre 12 e 16 anos.

O Camptech do Ensanche é unha das principais novidades do programa, que lle ofrece aos mozos e mozas a posibilidade de achegarse á robótica e á programación con Scratch ou Arduíno. Esta proposta virá precedida do "Festival Scratch" que se vai desenvolver no CSC na tarde do próximo 2 de maio, de 18 a 20 horas, para dar a coñecer os videoxogos creados pola cativada do club xuvenil do centro. Os asistentes poderán probar e xogar a todos os videoxogos, mentres os seus creadores explican o seu funcionamento e o proceso de creación.

Clubs de Verán nos centros do rural

En canto aos centros socioculturais do rural, os Clubs de Verán chegarán a sete deles, con actividades en torno a tres eixos temáticos. Así, na Gracia, Bando e Marrozos haberá as chamadas "cativadas medioambientais"; en Lavacolla e Laraño serán "cativadas teatreiras", e en Figueiras e Nemenzo, desenvolveránse "cativas artísticas". En total, ofértanse 180 prazas. Son 20 máis que en anteriores edicións (10 prazas máis en Figueiras e outras 10 prazas a maiores en Bando)

Procedementos e prazos de inscrición

As preinscricións no programa deberán facerse do 3 ao 20 de maio, ben a través da sede electrónica do Concello de Santiago ou remitindo a ficha de preinscrición ao correo electrónico viveoveran@santiagodecompostela.gal. O 30 de maio publicarase a lista de admitidos, o 4 de xuño publicaránse as listas provisionais, e o sorteo público das prazas no caso de existir maior demanda que oferta será o 5 de xuño no CSC de Cornes. A partir do 7 de xuño publicarase a lista definitiva de persoas admitidas e reservas, e a formalización do pagamento deberase facer do 10 ao 17 de xuño.

O prezo das actividades será de 15 euros no horario normal, e de 30 euros na modalidade do horario extendido, abonados en dúas taxas.

Aula de xogo aberta en Vite e concurso de debuxos

O concelleiro de Centros Socioculturais tamén deu conta doutra novidade de cara ao verán, que será a "aula de xogo aberta" do Centro Sociocultural de Vite. O equipamento estará aberto nas semanas do 24 ao 28 de xuño e do 2 ao 6 de setembro, "isto é, na semana posterior ao remate do actual curso, e na semana previa ao comezo do curso que vén, en xornadas nas que moitas familias teñen máis dificultades para a conciliación". A aula de xogo do CSC de Vite estará aberta nesas semanas de 9.30 a 14.00 horas, a biblioteca funcionará de 10 a 13 horas; e á aula de informática poderáse acceder de mércores a venres de 10 a 14 horas.

Por último, este mesmo luns comezan a publicarse nas redes sociais dos Centros Socioculturais os debuxos feitos nos obradoiros dos propios CSC, dos que sairá elixida a imaxe da campaña Vive o Verán 2024. O elixido será aquel que teña máis "gústame" nas redes sociais, de aquí ao 12 de maio.

Compartir: