CENTROS SOCIOCULTURAIS

A Concellaría de Centros Socioculturais súmase ao Día da Danza coas xornadas "Bailando a vida"

22/04/2024 O Centro Sociocultural do Romaño acollerá os días 4 e 5 de maio as xornadas "Bailando a vida", organizadas pola concellaría de Centros Socioculturais para celebrar o Día da Danza. Mañá abre o prazo de inscrición para participar na actividade, que tén como obxectivo achegar esta disciplina de maneira activa e inclusiva a calquera persoa, a marxe da súa idade ou condición física.

"Bailando a vida" é unha proposta conducida por Martha Franco, formada en diferentes disciplinas pedagóxicas e artísticas, que pretende achegar a danza a diferentes públicos, como forma de expresión e de relación cos demais e como ferramenta para poñer en valor a capacidade creativa de todas as persoas. Ademais, preséntase esta disciplina como maneira de conectar co propio corpo e de autocoidado e benestar persoal. O baile é unha actividade que ten moi boa acollida na rede de centros socioculturais, e na actualidade contabilízanse 25 grupos con propostas como hiphop, baile tradicional, bailes de salón, bailes latinos ou baile moderno.

No marco deste programa prevense dous obradoiros diferentes. O sábado, 4 de maio, a actividade está dirixida a persoas adultas. A sesión comezará ás 17.00 horas co obradoiro "O corpo como instrumento expresivo". A partir das 19.15 h haberá unha mostra de danza e conversa coas persoas participantes, na que bailarán varias mulleres entre os 25 e 67 anos que non son profesionais da danza pero que a practican en prol do seu benestar físico e emocional. A través dun formato curto e sinxelo, a iniciativa 'Unha danza para nós' pretende achegar a danza e o espontáneo que hai nela ás persoas asistentes así como abrir á palabra este espazo para compartir experiencias desde distintas perspectivas e eliminar prexuízos. Xa no domingo 5 de maio, a actividade diríxese ao público familiar a partir dos 4 anos, co obradoiro de danza "Xuntos bailamos mellor", que se desenvolverá de 12.30 a 13.30 horas.

A actividade é de balde, pero é preciso inscribirse no teléfono 981 54 30 05. Hai 25 prazas por actividade, que se cubrirán por orde de chamada.

Compartir: