CAPITAL CULTURAL E CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os centros socioculturais acollen as propostas musicais de aCentral Folque no ciclo "No campo de fóra"

17/04/2024 O concerto de Xisco Feijóo no Centro Sociocultural do Ensanche abrirá mañá "No campo de fóra", un programa de actuacións e paseos musicais organizado pola Escola de Música de aCentral Folque en colaboración coas concellarías de Capital Cultural e Centros Socioculturais. No marco deste ciclo haberá outros catro concertos ao longo do mes de maio, e dous paseos musicais para descubrir o patrimonio de Compostela. Todas as actividades serán de balde.

A concelleira de Capital Cultural, Miriam Louzao, e o edil de Centros Socioculturais, Xan Duro, presentaron hoxe o programa "No campo de fóra" nunha rolda de prensa na que aCentral Folque estivo representada por Mauro Sanín. Tal e como explicou a responsable de Capital Cultural, o obxectivo deste ciclo é "encher as rúas e os centros socioculturais con eventos participativos, con música de raíz, con cantigas de tradición oral, e con tempo para bailar". Miriam Louzao reiterou o apoio do Concello a iniciativas "que procuran divulgar a música tradicional galega cun enfoque aberto e contemporáneo, para abrir oportunidades para espallar o coñecemento".

Pola súa banda, Xan Duro incidiu en que este ciclo "encaixa na filosofía da rede de centros socioculturais, que entendemos como equipamentos que deben garantir o acceso da cidadanía á cultura, sobre todo a aquelas persoas e colectivos que non adoitan participar de actividades culturais noutros espazos". Ademais, o concelleiro salientou a proposta dos paseos musicais "como unha boa oportunidade para que a veciñanza coñeza e valore mellor a súa propia cidade, fomentando así a autoestima colectiva".

Cinco concertos

"No campo de fóra" comeza mañá no centro sociocultural do Ensanche, cunha actividade a cargo de Xisco Feijóo que leva por nome "Traede ferrallada". Tal e como explicou Mauro Sanín, "trátase dun concerto ao redor da música de tradición oral de matriz, pensado non para escoitar senón para a participación do público". A cita será a partir das 20.00 horas, con entrada de balde.

En maio están previstos catro concertos no marco deste programa. O primeiro, o día 2, será con Carme da Pontraga e Ariel Ninas, Tralo-Valo, no centro sociocultural do Romaño, "cun concerto pensado para bailar utilizando o fantástico salón do equipamento". O 4 de maio, "No campo de fóra" trasládase ao centro sociocultural Maruxa e Coralia da cidade histórica, co grupo de música antiga 1500; e xa para o venres 10 de maio está prevista a actuación de Iván Vilela no centro sociocultural da Trisca. Mauro Sanín explicou que "Vilela é un virtuoso da viola caipira, chegado de São Paulo, que se o tempo o permite poderá actuar na azotea dun equipamento singular de Santiago como é o da Trisca". Por último o programa de concertos péchase co CSC da Rocha co cuarteto Aksak, un proxecto compostelán sobre músicas de Galicia e Turquía.

Paseos musicais

O ciclo "No campo de fóra" complétase con dous paseos musicais que tamén están previstos para o mes de maio. O día 21, haberá un roteiro sobre músicas de Compostela guiado por Richard Rivera; e o 29 de maio Andrés Díaz será o encargado dun roteiro que leva por lema "O patrimonio musical dunha cidade educativa".

Todas as actividades do programa "No campo de fóra" son de balde, pero é recompendable facer a preinscrición na web folque.com, habida conta do aforo limitado dos espazos.

Direccións relacionadas



Compartir: