LINGUA

O Enreguéifate entregou os galardóns da súa sétima edición nun acto celebrado no Teatro Principal de Santiago

03/04/2024 As gañadoras e gañadores, alumnado de diversos centros escolares galegos, persoal técnico dos servizos de normalización e unha representación política dos cinco concellos impulsores participaron na gala na que a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, entregou un dos galardóns.

O Teatro Principal de Santiago de Compostela acolleu esta mañá a entrega de premios da sétima edición do certame Enreguéifate, o proxecto desenvolvido polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo para impulsar a difusión da improvisación oral en verso (regueifa).

Máis de 300 persoas asistiron a esta gala conducida polo mestre, músico e regueifeiro Manolo Maseda; o mestre, escritor e regueifeiro Séchu Sende; e as formadoras do Enreguéifate Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces. Un acto, accesible en lingua de signos, no que non faltou a música da man da Orquestra da Regueifa, formada por alumnado do IES do Milladoiro de Ames e o IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela.

As gañadoras e gañadores foron os grandes protagonistas da mañá. Na categoría xeral, fixéronse co galardón á regueifa máis brava a "Cumbia do choque", do Arrieiro e Chaminho (Malpica e A Coruña); a máis aguda foi para "Vai de voda", a Escola de regueifa de Carballo; a máis diversa, para os Teiseiros regueifeiros, de Vigo, coa súa "Regueifa pola saúde mental"; o galardón á regueifa mellor cantada, para o Grupo Xuvenil da Terceira Idade de Poio, pola súa regueifa "Sempre vida"; a mellor falada, para As da muiñeira, de Coristanco, con "Os deberes"; e a máis reivindicativa, para os teenses Iván e Aroa, pola súa "Regueifa de coidar a terriña".

Na categoría escolar, a proposta que o xurado seleccionou como a máis brava foi "Queremos moito as nosas profes" do grupo Os máis bravos, do CEIP de Bormoio-Agualada (Coristanco). A máis aguda foi para Regueifeirxs da Chá, do IES Basanta de Vilalba, polo seu vídeo "Regueifando apréndese mellor"; a máis diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do CEIP compostelán Quiroga Palacios, co título "O noso Entroido"; a máis reivindicativa foi a do alumnado de 6º de Primaria do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz (Boiro), titulada "O granulado non é pasado"; a mellor cantada, para "A nosa música na nosa voz", das Regueifeiras do Camballón do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada foi parar aos Regueifeiros de Razo, do CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), baixo o título "Regueifa en Razo". Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para "Todo isto son mentiras", de Noa e Martín (do IES Antonio Fraguas de Santiago).

Os galardóns desta sétima edición, que levaba por lema "Temos madeira regueifeira!", tiñan selo estradense, con pezas creadas polas irmás artesás Isabel e Ana Neira (Atalanta Madera).

No acto de entrega participaron, ademais das persoas premiadas, alumnado de varios centros escolares galegos, as técnicas dos servizos de normalización lingüística e unha representación política dos concellos impulsores da iniciativa, entre os cales a alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, o alcalde de Ames, Blas García; e a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, quen tomaron parte tamén como entregadoras e entregadores de parte dos galardóns.

A entrega dos regueipremios pon o broche final a esta sétima edición dun certame na que se recibiron un total de 56 vídeos chegados das catro provincias galegas (Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela, Teo, Vigo, Vilalba, A Coruña, Viana do Bolo, Melide, Vila de Cruces ou Dodro, entre outros municipios). O xurado do certame estivo composto por Carme Pereiro, normalizadora lingüística do Concello de Carballo; Fátima Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames; e os regueifeiros e docentes Manolo Maseda e Séchu Sende.

Compartir: