XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno acorda dotar de autonomía propia o Consello Municipal de Igualdade e aproba o seu proxecto de regulamento

25/03/2024 O executivo local deu luz verde esta mañá ao proxecto de Regulamento do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela, que terá que ser elevado ao Pleno da Corporación para a aprobación inicial. Nesta mesma sesión tamén se acordou aprobar o expediente de contratación do servizo de conservación, reparación e pequena reforma de diversos edificios e instalacións dependentes do Concello cun orzamento base de licitación de 1,4 millóns de euros.

Co proxecto de novo regulamento aprobado hoxe en Xunta de Goberno, o executivo busca dotar de autonomía propia o Consello Municipal de Igualdade, integrado ata o de agora a través dunha comisión sectorial no Consello de Familia, Benestar Social e Igualdade. Con este acordo, pasaría a ser un órgano independente funcional e normativamente.

O novo regulamento determina, pois, a organización e o funcionamento do Consello Municipal de Igualdade. O título I recolle as disposicións xerais definindo no seu artigo 4 as funcións do Consello, relacionadas todas elas directamente co fomento da participación naqueles aspectos da vida municipal que directa ou indirectamente poidan afectar a materias vencelladas coa igualdade e a diversidade afectivo-sexual.

O título II regula a composición e selección do Consello, que se baseará en criterios de pluralidade e diversidade. O Pleno estará presidido alcaldesa e conta, ademais, cunha Vicepresidencia. O Consello, poderá incorporar como vogais as persoas e entidades vinculadas e non vinculadas ao Concello de acordo con criterios de pluralidade. Pola súa banda, o título III regula o funcionamento e desenvolvemento das sesións .

O Regulamento do Consello Municipal de Igualdade do Concello de Santiago de Compostela ten por obxecto promover, no ámbito local, a igualdade na diversidade e a eliminación de toda forma de discriminación e desigualdade que inciden sobre as mulleres e sobre as persoas en xeral por motivo das diversidades existentes –funcional, procedencia ou orixe étnico, racial, cultural, e diversidade afectivo-sexual-.

Así, prevese que o Consello emita informes e ditames sobre temas relacionados coas políticas sectoriais dirixidas ao conxunto da cidadanía; impulse iniciativas para a aprobación de disposicións municipais referentes ao ámbito de competencia do Consello; asesore ao Concello e promova o debate e o coñecemento da execución das políticas, plans e programas municipais no que se concretan as políticas en materia de igualdade e diversidade afectivo-sexual; elabore propostas, emendas, e suxerencias; colabore na posta en marcha de actuacións sobre as principais preocupacións e temáticas de interese; potencie a participación diversa e plural da cidadanía, etc.

Contratación

Nesta mesma sesión procedeuse a aprobar o expediente de contratación do servizo de conservación, reparación e pequena reforma de diversos edificios e instalacións dependentes do Concello cun orzamento base de licitación de 1.420.172,60 € (base impoñible de 1.173.696,36 € máis IVE do 21% de 246.476,24 €) e abrir o procedemento aberto de adxudicación.

O contrato recolle actuacións nos colexios (800.000 euros); nos edificios de administración xeral (228.000 euros); en dependencias deportivas (200.000 euros) e en centros socioculturais (192.172,58 euros). Durante o 2024 destinarase unha cantidade de 473.390,88 €; 710.086,30 € en 2025; e 236.695,42 €, en 2026.

Así mesmo, adxudicouse o contrato para a subministración de ordenadores de sobremesa e monitores en centros socioculturais no ámbito rural de Santiago de Compostela a MICROMEDIA SL por un importe de 25.102,66 € (base impoñible de 20.746,00 € máis IVE do 21% de 4.356,66 €) ao ser a súa oferta a máis vantaxosa.

Este contrato está financiado nun 100% polo Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (plan único de concellos) POS + Adicional 2/2022 2ªfase.

Compartir: