LINGUA

Un total de 18 finalistas disputaranse os oito galardóns nos que se dividen os Premios Youtubeiras 2023 na gala de entrega que se celebrará en Santiago o 17 de febreiro

19/01/2024 As finalistas ao premio canle son OU ké!, Cinema Caníbal e Toxío, mentres que ao galardón ao youtubeira do ano aspiran Pingando, Exército Mekemeke e Recuncho Gamer. As canles Toxío, Prado Rúa, Savia Nova, Recuncho Gamer, Fica coa bola e OU ké son as únicas que competirán en dúas categorías diferentes como finalistas. Nesta edición dos Premios Youtubeiras inscribíronse 68 canles, mentres que 24 vídeos foron propostos pola audiencia dixital para o Premio do Público. O conxunto de vídeos presentados nesta edición, que comprende pezas subidas á Rede entre novembro de 2022 e novembro de 2023, significan 32.480 minutos de vídeos en galego no YouTube. Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de Normalización Lingüística de Ames, Carballo, O Grove, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago, Teo, da Deputación da Coruña e da Universidade de Vigo, da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade da Coruña.

Youtubeiras, proxecto organizado polos servizos de Normalización Lingüística de nove concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación en galego no YouTube con temáticas e formatos diversos, así como de promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede, xa ten finalistas para os seus galardóns de 2023. Un total de 18 finalistas aspiran a gañar algunha das oito categorías nas que se divide o certame nesta edición: Canle, Youtubeira, Youtubeira Revelación, Vídeo, Calidade Lingüística, Pioneiro, Rede e Premio do Público. A proposta gañadora en cada categoría recibirá 1000 euros, agás no caso do galardón decidido polo público, cuxa dotación económica é de 500 euros. En total, os Premios Youtubeiras repartirán 7500 euros.

O xurado que escolleu a terna de finalistas en cada categoría e decidirá as persoas gañadoras que se anunciarán nunha gala está conformado por Fátima Souto Muñiz, bolseira no Servizo de Normalización de Ames; Nee Barros, escritore, divulgadore cultural e activista baixo o nome de @neeumatiko que recibiu en 2022 o premio de Youtubeira 2022; Irene Pin, xornalista e directora audiovisual; Belen Puime, directora e creadora audiovisual; Rodri Míguez, xornalista e divulgador musical, e Paula Souto, técnica de Normalización Lingüística de Moaña, que exerceu como secretaria con voz, pero sen voto.

Máis de 32.000 minutos

As 18 propostas finalistas foron escollidas polo xurado de entre as 68 canles que se inscribiron para concorrer á edición de 2023 dos Premios Youtubeiras, cuxo lema desta edición é Rede aberta, Rede diversa! A esta cifra cómpre sumarlle os 24 vídeos propostos pola audiencia dixital para disputarse o Premio do Público. Os vídeos no seu conxunto, publicados entre novembro de 2022 e novembro de 2023 nas diferentes canles, superan os 32.480 novos minutos en galego subidos ao YouTube.

As finalistas

Seis finalistas aspiran a levar dous galardóns neste 2023: OU ké! (finalista en premio Canle e en premio Rede), Toxío (Canle e Vídeo), Recuncho Gamer (Youtubeira e Pioneiro), Fica coa bola (Pioneiro e Premio do Público), Prado Rúa (Calidade Lingüística e Vídeo) e Savia Nova (Revelación e Premio do Público)

O premio Canle disputarase entre os xa citados Toxío e OU ké! xunto a Cinema Caníbal, mentres que o premio Youtubeira estará entre Recuncho Gamer, Exército Mekemeke e Pingando. Ao galardón Revelación aspiran O Faiado Podcast, Savia Nova e Luis do Río Pena. Os finalistas na categoría de vídeo son Derrubando Xigantes, de Toxío; Londres, de Malva; e SEG, de Prado Rúa.

No trío de finalistas en Calidade Lingüística atópanse Prado Rúa, Olaxonmario e Casa Gallinitas e a terna no caso do galardón Pioneiro está formada por Recuncho Gamer, Lilium e Fica coa bola. Ao premio Rede optan OU ké!, Alma da Vella Chousa e YouTube en galego.

Por último, o Premio do Público decidirase entre as tres propostas máis votadas na comunidade dixital: Noticias Dispersas, Fica coa bola e Savia Nova.

Relación de finalistas por categorías

1. Premio Canle
- Cinema Caníbal
- OU ké!
- Toxío

2. Premio Youtubeira
- Recuncho Gamer
- Exército Mekemeke
- Pingando

3. Premio Youtubeira Revelación
- Luís do Río Pena
- O Faiado podcast
- Savia Nova

4. Premio Vídeo
- Seminario de Estudos Galegos, o centenario, de Prado Rúa
- Unha fin de semana en Londres, de Malva
- Derrubando xigantes, de Toxío

5. Premio Calidade Lingüística
- Prado Rúa
- Olaxonmario
- Casa Gallinitas

6. Premio Pioneiro
- Recuncho Gamer
- Lilium
- Fica coa bola

7. Premio Rede
- Alma da Vella Chousa
- OU ké!
- Youtube en Galego

8. Premio do Público
- Noticias dispersas
- Fica coa bola
- Savia Nova

Compartir: