PROMOCIÓN ECONÓMICA

A Axenda Urbana de Santiago organiza un novo Encontro Emprendedor arredor do proxecto El Camino ESS

07/09/2023 A oitava cita desde ciclo abordará o tema do turismo sostible e responsable cos territorios e as persoas, nunha sesión que terá lugar vindeiro 19 de setembro ás 10h no Espazo galego da Creatividade. Os Encontros Emprendedores presentan iniciativas innovadoras en liña cos eixos da Axenda Urbana 2030, que dan resposta aos retos identificados pola cidadanía de cara aos vindeiros anos. A inscrición é gratuita e aberta a todas as persoas interesadas.

En setembro presentarase a iniciativa 'El camino ESS', un proxecto de cooperación dentro e fóra de Galicia para repensar un turismo máis sostible e responsable cos territorios e as persoas. Raquel Calleja e Lucía Santiago, de REAS Galicia, compartirán coas persoas asistentes esta proposta de turismo alternativo que aspira a fortalecer o tecido cooperativo ao longo do territorio.

'El camino ESS' está a impulsar unha rede de iniciativas cooperativas que facilitará a sustentabilidade no tempo dun turismo alternativo, no que as persoas e o desenvolvemento responsable do territorio estén no centro. Ademais, apóstase por potenciar a Economía Solidaria, dándolle visibilidade a través do sector turístico. Proxectos culturais locais, medioambientais, cooperativas de desenvolvemento ou de creación artesá serán algunhas das iniciativas empresariais que compoñen esta rede, que sacará partido do mundo dixital para amplificar o seu alcance.

Unha vez coñecido o proxecto, desenvolverase un espazo participativo no que as persoas asistentes reflexionen sobre a necesidade de sacar partido das ferramentas dixitais para propoñer alternativas sostibles e respectuosas cos territorios, asi como claves para avanzar nun turismo alternativo. Como en cada Encontro Emprendedor, Creativas Galegas ofrecerá un almorzo con produtos galegos.

As inscricións están abertas e son de balde, cubrindo o seguinte formulario.

Para máis información, podes escribir a encontrosaxendaurbana2030@gmail.com.

Encontros emprendedores

O programa Encontros Emprendedores ten coma fin dar a coñecer as principais liñas de acción da Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela e tamén facer as veces de espazo de encontro, debate e coñecemento arredor de proxectos empresariais salientables vencellados aos 10 obxectivos da Axenda Urbana Española, resaltando a súa relación coas 6 Dimensións Estratéxicas da Axenda Urbana 2030 de Santiago.

Os Encontros Emprendedores estanse a desenvolver ao longo do 2023 coas seguintes temáticas:

Marzo: Modelo de cidade
Abril: Cambio climático e resiliencia
Maio: Xestión sostible dos recursos e economía circular
Xuño: Mobilidade e transporte
Xullo: Cohesión social e igualdade de oportunidades
Agosto: Economía urbana
Setembro: Vivenda
Outubro: Era dixital
Novembro: Gobernanza

Compartir: