PLENO

O Pleno acorda nomear a Ramón Baltar fillo predilecto da cidade e dá luz verde ao destino do remanente de tesourería

10/05/2023 O Pleno da Corporación aprobou esta mañá en sesión extraordinaria o destino de máis 7 millóns de euros de remanentes, que se dedicarán ao pago de gastos correntes como a luz ou o transporte urbano, así como á realización dunha serie de investimentos no ámbito urbano e rural

A concelleira de Economía e Facenda, Marta Abal, detallou o modificativo de crédito de 7.255.699,73 € que "será financiado integramente con remanente líquido de tesourería". Unha partida de 4.434.864,01 de euros "fará fronte a gastos correntes procedentes de obrigas do ano pasado e sobre todo aos custes derivados do incremento dos prezos da luz polo proceso inflacionista", ao que corresponde o importe máis elevado, de 2.311.971,47 €. Entre as partidas de gastos correntes tamén se atopan as de transporte urbano (1.299.508,59 €), xestión de servizo da ORA e guindastre (6.407,22 €), mantemento da paserela da Intermodal (11.685,58 €), reequilibrio económico pola xestión da Intermodal (107.084,08 €). Dótase credito tamén para as subvencións nominativas pendentes a COGAMI (15.000 €) e a empresas de economía social (250.000,00 €), entre outros gastos.

Os restantes 2.820.835,72 € destinaranse a diferentes investimentos: a compra de dous microbuses de baixa emisións (500.000,00 €), a rampla de acceso ao Museo do Pobo Galego (23.493,86 €), a reurbanización das rúas de Mallou e Nogueira (644.672,98 €), a mellora de equipamento deportivo sociais na parroquia de Figueiras (370.047,53 €) e actuacións de mellora do saneamento no Eixo (100.000,00 €) e na Sionlla (243.064,63 €). Tamén se investirá na realización de pequenas actuacións como a ampliación ciclo integral da auga na rúa do Coto dos Olmos e Amarelle (71.248,15 €). A concelleira destacou que algunhas actuacións xa se están a tramitar pero "precísase suplementar para concluír a totalidade da obra".

Nesta sesión extraordinaria, aprobouse tamén a modificación do crédito 2023-SUPLE-02, destinada a suplementar con 42.701 euros o proxecto de gasto que financia a operación da EDUSI "Rutas Campus Stellae: Miradoiro de paisaxe do Pedroso", actuación dirixida a promover a protección, fomento e desenvolvemento da nosa paisaxe. O obxectivo desta operación é iniciar a creación dunha rede de puntos de observación da paisaxe exterior e interior da cidade, estratexicamente ubicados, para contribuír ao incremento do número de visitantes.

O Pleno deu luz verde, así mesmo, a outros expedientes de suplemento de crédito extraordinario: o CREXT 02, por un importe de 2.073.336,93 euros para atender o saldo pendente de OPAS, de PPA e o saldo de pagos efectuados mediante adebedamento directo en contas bancarias de titularidade municipal; e o crédito CREXT 03, por un importe de 735.008,41 euros, para o pagamento de sentenzas.

Tamén se deu luz verde a un suplemento de crédito por importe de 2.803.055,33 para facer fronte á diversas necesidades existentes no capítulo que financia o gasto de persoal do concello.

Dentro do ámbito económico, por último, deuse conta da liquidación do orzamento do 2022; do informe de avaliación do cumprimento do obxectivo de estabilidade orzamentaria e límite da débeda do ano 2022; do informe de intervención núm. 502/2023 de resultados obtidos no control das contas a xustificar e anticipos de caixa fixa, correspondente ao exercicio económico do ano pasado; e da execución orzamentaria de 2023 (primeiro trimestre).

Ramón Baltar, fillo predilecto da cidade

O Pleno municipal aprobou a declaración institucional para nomear ao doutor Ramón Baltar Domínguez, fillo predilecto da cidade a título póstumo. Médico e director hospitalario da nosa cidade, a declaración destaca tanto a súa "altura técnica e científica como cirurxián, que atraía pacientes desde distintos lugares do estado" como "a súa insistencia na defensa do carácter humanitario da Medicina".

A declaración refírese a Ramón Baltar como "un exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura" e recoñece o seu labor como "protector de artistas" e a súa participación en "proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padriado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro". Tamén foi historiador da Escola Médica santiaguesa, publicando varios ensaios sobre a historia dos hospitais da cidade e traballos científicos de cirurxía.

Consello municipal da cidade histórica

O Pleno municipal acordou a creación do Consello Municipal da cidade histórica, órgano colexiado de participación para a consulta, asesoramento, proposta e seguimento das accións encamiñadas á conservación patrimonial, promoción e representación dos intereses colectivos das persoas que residen na zona vella.

Este Consello está integrado pola presidencia, dúas vicepresidencias; as vogalías, e a secretaría. A presidencia ocuparaa aquela persona que ostente a alcaldía de Santiago. Unha das vicepresidencias corresponderalle a persoa titular da concellaría de Cidade Histórica, e a outra será desiganda polo Consello a proposta da presidencia. Na vogalía estarán representantes dos grupos políticos da Corporación municipal; do Consorcio da Cidade de Santiago; da USC; do Colexio Oficial de Arquitectos; e das asociacións veciñais, de comerciantes e culturais da cidade histórica.

Serán funcións deste Consello canalizar a participación comunitaria, nas materias que conforman o seu ámbito de actuación e o asesoramento, elaboración de propostas de actuación e seguimento da súa execución.

Entre os dereitos e obrigas dos membros do Consello figuran: propor asuntos para incluír na orde do día das sesións, participar nos debates das sesións, formular propostas en relación cos asuntos fixados na orde do día, exercer o seu dereito ao voto e formularen votos particulares, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican ou formular iniciativas, preguntas e suxestións, etc.

Tras esta aprobación, será publicado no BOP a abrirase o período de información pública durante de 30 días hábiles para a presentación de reclamacións.

Compartir: