AXENDA URBANA 2030

A Axenda Urbana de Santiago reúne aos seis Grupos de Impulso e Seguimento, GIS

13/03/2023 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu esta tarde, na sede do Consello Económico e Social de Galicia, unha nova xuntanza da Axenda Urbana 2030, co obxecto de revisar as actuacións previstas, actualizar a orde de prioridades e realizar o control da execución das accións deseñadas a través dunha serie de indicadores creados a tal efecto.

Santiago conta no seu haber cunha ampla experiencia en planificación a través dunha formulación de intervención integradora dende unha perspectiva económica, social e ambiental. Dentro do proxecto piloto de elaboración da súa Axenda Urbana, que encabeza xunto con outras 127 cidades seleccionadas polo Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, avanza cara ao impulso e seguimento dos proxectos establecidos.

No ano 2022 levouse a cabo un amplo proceso participativo que se desenvolveu dende a dirección executiva. Tomouse como punto de partida a diagnose e constituíronse 6 Grupos de Impulso e Seguimento (GIS) que elaboraron o documento propositivo, aprobado por unanimidade no Consello Económico e Social celebrado no mes de xullo, sobre o cal se construíu despois o Plan de Acción Local. Seis dimensións estratéxicas e 39 liñas de actuación serviron de piar para definir unha serie de obxectivos estratéxicos co fin de orientar á cidade cara a un modelo de crecemento sustentable, que cumpra cos obxectivos da Axenda 2030.

Tras a diagnose e a fase de propostas, o modelo de gobernanza establecido na AUS contempla a participación permanente e o control da súa execución, polo que continúan os traballos no Consello Económico e Social da cidade mais tamén nos Grupos de Impulso e Seguimento (GIS), que teñen o encargo de revisar e actualizar de xeito permanente as propostas e priorizar as iniciativas para dar cumprimento aos obxectivos, ao tempo que seguen a recibirse achegas por parte da cidadanía e colectivos sociais.

A dirección executiva convocou ás persoas integrantes dos seis GIS coa finalidade de revisar as actuacións previstas, actualizar a orde de prioridades e realizar o control da execución das accións deseñadas a través dunha serie de indicadores creados a tal efecto. Para a selección e priorización da acción dos proxectos e a toma de decisións en grupo, a dirección compartiu cos grupos de traballo os resultados dunha enquisa realizada durante o mes de febreiro sobre a Axenda Urbana de Santiago que reflicte a percepción que ten a cidadanía sobre as cuestións chave identificadas en cada un dos grupos de traballo. A posta en común será importante para determinar si é preciso mudar a orde de prioridade das accións previstas así como a necesidade de valorar e actualizar as propostas.
A AUS segue un proceso vivo en continua construción e actualización, que se retroalimenta coa participación de toda a sociedade. Así, unha vez presentados e discutidos os resultados nos GIS e, ao igual que se ten feito con anterioridade, os resultados da enquisa estarán a disposición de toda a cidadanía a través da páxina web www.axendaurbana2030santiago.gal para a súa consulta e tamén para recibir aportacións por parte de todas aquelas persoas que así o consideren.

A través desta mesma páxina web do proxecto as persoas interesadas poden atopar todas as actividades relacionadas coa Axenda Urbana 2030 de Santiago de Compostela coma os Encontros Emprendedores Axenda Urbana 2030 que se realizarán ao longo deste ano 2023 ou as accións de formación de axentes socioeconómicos do territorio previstas. Nas redes sociais do proxecto poden atoparse ademáis distintos recursos formativos e informativos para mellorar o grao de coñecemento que a cidadanía ten do proxecto.

Ademais do alcalde, entre os asistentes á xuntaza, atopábanse as concelleiras de Urbanismo, Cidade Histórica, Acción Cultural, Políticas de Igualdade e Centros Socioculturais, Mercedes Rosón; e a de Economía, Facenda, Persoal, Contratación e Modernización da Administración Local, Marta Abal. Tamén estaban presentes os edis do PP, Ramón Quiroga; de Compostela Aberta, Jorge Duarte, e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín.

Compartir: