MOBILIDADE

Case 2.000 escolares pasarán polo Parque de Educación Viaria de Amio durante os meses de marzo e abril

17/03/2022 O Parque de Educación Viaria instalado no recinto feiral de Amio recibirá nestes meses de marzo e abril a visita de máis de 1.900 alumnos procedentes de 24 centros educativos de Compostela. O alcalde de Santiago, Xosé S. Bugallo, achegouse esta mañá a Amio para coñecer de primeira man as actividades educativas desenvolvidas pola Policía Local.

Nos meses de marzo e abril pasarán polo Parque de Educación Viaria de Amio 1.150 alumnas e alumnos de 6º de Primaria, así como outros 800 escolares de cursos de Educación Infantil. Pertencen aos seguintes centros educativos: Cluny, Casas Novoa, Dª Emma, Compañía de María, Divino Maestro, Juventud, Inmaculada, Fontiñas, La Salle, Lamas de Abade, López Ferreiro, Peleteiro, Monte dos Postes, a Milagrosa, Peleteiro, Nosa Señora dos Remedios, Pío XII, Quiroga Palacios, Raíña Fabiola, Ramón Cabanillas, Rodríguez Xixirei, Roxos, San Jorge, San Paio-Enma, San José de Cluny, Santa Apolonia, Vilas Alborada e Vite.

"Xeraldina viaxa connosco" é o nome do programa dirixido aos nenos/as de infantil e" Son conductor de bicicleta", ao alumnado de primaria. Estas sesións enmárcanse no Programa de Educación Viaria da Policía Local, que inclúe diversas accións formativas con alumnos/as de diferentes idades, co obxectivo de formar e educar á cidadanía en seguridade viaria.

Cada grupo recibe unha parte de formación teórica, e logo unha práctica no propio Parque, pintado de forma permanente na nave A do recinto feiral de Amio e que ocupa un espazo de máis de 1.200 metros cadrados. A instalación conta con todos os elementos necesarios para que os rapaces e rapazas se familiaricen coas normas de circulación e cos sinais de tráfico, e tamén para que coñezan as habilidades básicas para moverse polo espazo urbano como peóns/oas, ciclistas ou condutores/as. Para iso, ademais da sinalización horizontal, no parque hai semáforos e sinais verticais, nun circuíto que se pode percorrer a pé, en bicicleta, en karts a pedais ou patinetes.

Ademáis dos centros de infantil e primaria, tamén visitarán o Parque de Amio nas próximas semanas, uns 150 usuarios dos centros de educación especial, como Aspas, López Navalón ou Down Compostela.

Compartir: