TURISMO

Turismo de Santiago incorpora á súa web Santiguau, coas opcións Dog Friendly da capital galega

15/03/2022 Esta iniciativa pretende dar resposta así á demanda existente de ter localizados os locais que aceptan mascotas, así como plans para facer con animais. O concelleiro de Turismo Sindo Guinarte presentou esta novo servizo nunha rolda de prensa que contou coa presenza da actriz e presentadora Sara Escudero.

Turismo de Santiago, entidade dependente do Concello, vén de ampliar a súa páxina web coa incorporación da sección Santiguau, un apartado no que visitantes e composteláns atoparán os hoteis e establecementos hostaleiros coa etiqueta Dog Friendly. A novidade foi presentada polo concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte e a Xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, que estiveron acompañados pola xornalista e cómica Sara Escudero.

Segundo o edil, "o obxectivo non é outro que dar resposta a unha demanda que cada día medra máis". Sindo Guinarte salientou a boa aceptación que tivo entre moitos establecementos a iniciativa, "sendo cada vez máis os que queren ter o selo Dog Friendly".

Un recente estudo da Universidade de Córdoba confirma que nove de cada dez turistas contan coa súa mascota á hora de facer unha viaxe. Segundo ese informe, esas persoas estarían dispostas a pagar un 15 por cento máis se os establecementos se adaptan e reúnen os requisitos básicos para que o seu can estea cómodo.

Neste senso, a Xerente de Turismo de Santiago explicou que son case 25 os hoteis adheridos e preto de vinte os restaurantes e bares da cidade que permiten entrar con mascotas. Ademais, a web inclúe un espazo onde se indican onde están as zonas caninas da cidade, ou plans para un día con animais.

Na sección incluénse outras opcións como residencias caninas, mesmo por horas, transportes, comercios ou praias para cans.

Sara Escudero, autora do libro "El CaNino de Santiago", quixo respaldar esta nova iniciativa de Turismo de Santiago, tras a súa experiencia facendo a Ruta Xacobea co seu can. A actriz e presentadora agradeceu este tipo de accións para os turistas que sempre contan coa súa mascota á hora de viaxar. No seu libro, a cómica establece un paralelismo nas distintas etapas do Camiño: dunha banda, Nala, a cadela narra as etapas da peregrinaxe e Sara explica as etapas do camiño da vida dunha persoa co seu can.

Compartir: