MEDIO RURAL

O alcalde e o concelleiro de Medio Rural visitan as obras de reparación e consolidación da Ponte de Vidán

04/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel visitaron hoxe as obras de "Reparación e consolidación da Ponte de Vidán" que se están desenvolvendo na aldea da Amañecida. Esta actuación, que conta cun orzamento de adxudicación de 376.649,68 euros e un prazo de execución de cinco meses; enmárcanse dentro do plan POS+ que desenvolve a Concello en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

O vial sobre o que se atopa a ponte constitúe un importante nodo de conexión da veciñanza da parroquia de Laraño cos viarios de alta capacidade de Santiago de Compostela, e soporta un importante tránsito de vehículos así como o paso do transporte urbano e escolar para a zona.

A Ponte Vella de Abaixo, de Vidán ou da Amañecida, como é coñecida no lugar, presentaba un estado de conservación deficiente con inestabilidades puntuais na súa fábrica de pedra. Os traballos proxectados sobre a infraestrutura, dan solución a esas inestabilidades. Polo tanto, segundo explicou o concelleiro de Medio Rural, estase procedendo á:

- Rehabilitación ou reconstrución das fábricas de pedra danadas que conforman a ponte conservando as que ten carácter histórico.
- Construción de novos muros de cachotaría nos estribos debido a súa mala calidade e inestabilidade.
- No alzado, augas arriba, vaise reconstruir o tallamar, cuxas antigas dimensións e forma poderán ser reproducidas grazas aos restos que se conservan. Empregarase na súa execución unha cantaría de pedra granítica que harmonice coa existente e reforzarase o seu interior cunha cachotaría de pedra tomada con cemento branco.
-Estase a construir un novo taboleiro cunha estrutura mixta de aceiro "corten" e unha lousa de formigón armado, apoiado sobre a fábrica dos estribos. O novo taboleiro ten una anchura ampliada de 5,60 metros. Distribuirase nunha calzada de 3,50 metros e unha beirarrúa de 1,50 metros, e estará dotado de varandas.
- As actuais tubaxes de servizos a vista trasladaranse ao interior do novo taboleiro, quedando ocultas.
- Procederase á reparación e rehabilitación da fonte e do lavadoiro da Amañecida.

José Manuel Pichel sinalou que en setembro/outubro xa estarán rematadas as obras.

Dacordo cos criterios establecidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, o Concello desenvolve simultaneamente coas obras o seu control arqueolóxico que permitirá estudiar e documentar as diferentes etapas históricas da estrutura da ponte e da súa contorna.

Compartir: