IGUALDADE

A nova web do Centro de Información á Muller visibiliza e facilita o acceso aos seus servizos

08/07/2021 A concelleira de Políticas de Igualdade, Mercedes Rosón, presentou hoxe cimcompostela.gal, a web do CIM, o Centro de Información á Muller. A páxina, para a que se deseñou unha identidade corporativa, ten como obxectivos visiblizar e informar sobre o labor centro; animar a cidadanía a implicarse de xeito activo nas actividades propostas; e facilitar o acceso, para as persoas que o precisen, á asistencia ofertada nas distintas áreas de actuación do CIM.

Mercedes Rosón, que estivo acompañada de Yara Prieto Lareo, da empresa que desenvolveu a web, sinalou que desde o departamento de Igualdade "existe unha profunda interese por visibilizar e pór en valor as diferentes actividades e prestacións levadas a cabo polo Centro de Información ás Mulleres, resaltando o papel do mesmo ao longo dos seus 30 anos de historia. Un traballo a prol da igualdade de xénero, e de apoio ás persoas máis vulnerables, que recordemos, foi pioneiro na nosa comunidade".

A concelleira recordou que o CIM é un centro claramente vencellado co compromiso do goberno municipal "de apoio á igualdade entre homes e mulleres, e coa promoción dos servizos que o propio Concello pon a disposición de toda a cidadanía neste eido". Neste contexto, continuou, "valorouse a posibilidade de visibilizar o labor que está a facer, e o traballo efectuado ao longo destes trinta anos no noso municipio. Por iso decidimos pór a disposición da cidadanía, esta páxina web", engadiu.

Yara Prieto explicou o proceso de deseño e desenvolvemento da web; que comezou co deseño dunha identidade corporativa propia, que reflectise os valores e propósito do CIM. Esta imaxe, está composta por un símbolo ben diferenciado que inclúe a catedral de Santiago como representación da cidade e un logotipo que recolle o nome do centro, "conformando unha imaxe coherente, directa e cercana".

As cores empregadas son o morado Pantone P 92-16C, cor habitualmente asociada e representativa da Igualdade e o verde Pantone P 163-8C, en representación da esperanza por un futuro sen violencias machistas. "Ambas cores crean un conxunto estético harmónico e moi visual que consegue transmitir unha imaxe fresca e innovadora", sinalou Yara Prieto. A familia tipográfica utilizada é a Avant Garde, un tipo de letra sans serif, xeométrica e vangardista.

A web inclúe tamén un vídeo de presentación a través do cal quedan recollidos os aspectos máis relevantes do traballo que desenvolven as persoas integrantes do CIM e o propósito do centro. É un vídeo curto, dunha duración aproximada de 1,40 m., pensado para a súa difusión en redes sociais coa fin de chegar ao maior número posible de persoas.

O vídeo foi gravado nas instalacións do propio centro, e nel participaron as persoas que traballan no CIM, implicándoas no proxecto e acadando así o maior realismo posible na peza audiovisual, na que tamén se tivo en conta a accesiblidade á hora de incorporar subtítulos engadidos.

En paralelo ao deseño, gravación e produción do vídeo de presentación, traballouse na creación dunha páxina web propia do centro na que quedase recollida a información máis destacable.

Web
A web cimcompostela.gal é unha páxina dinámica, intuitiva e fresca que conta cun deseño pensado tanto para o uso en escritorio como dende dispositivos móbiles ou tablets, sen que perda utilidade.

A web conta cun total de catorce páxinas tanto en galego como en castelán, distribuídas en oito grandes bloques:

Inicio: esta primeira páxina inclúe o vídeo de presentación, que se activa de xeito automático ao entrar á web, de modo que funciona como elemento "gancho". A continuación, preséntanse accesos directos a outros elementos e información recollida na web como a presentación do equipo, o histórico, servizos, galería de imaxes, novas, entre outros.

Nós: neste apartado pódese atopar información sobre os obxectivos e valores do centro, un breve percorrido ao longo dos 30 anos de historia no que se destacan os fitos máis relevantes do mesmo, e unha presentación fresca e cercana das persoas integrantes do equipo.

Qué facemos: de maneira sinxela e directa recóllese a información sobre as dúas áreas de actuación do centro, área de intervención e área comunitaria; explicando en cada unha de elas de forma máis detallada os traballos que se realizan: asesoramento xurídico, asistencia psicolóxica, atención social e traballos de sensibilización e promoción da igualdade. Ademais, inclúese un listado das entidades coas que colabora o centro para acadar os obxectivos propostos e ofrecer un servizo integral.

Á túa disposición: neste apartado, inclúense accesos directos a outras webs e documentos que poden ser de interese para o público obxectivo da web, como por exemplo: casa Xohana Torres, premio Xohana Torres, Itinerario de actuación do Concello de Santiago, Guía de Linguaxe non sexista, Guías de recursos fronte a violencia de xénero, tanto da nosa comunidade como a nivel estatal, todos os Plans de Igualdade do Concello de Santiago, e unha listaxe de prestacións socioeconómicas que poden consultar e acceder a información precisa. En todo este apartado, a documentación facilitada pode consultarse tanto vía online como de forma descargable.

Axenda: neste apartado poden consultarse os eventos e accións programados dende a concellería de Políticas de Igualdade e tamén os vencellados a promoción da igualdade e a prevención da violencia de xénero. A través dun formulario sinxelo, todas as persoas/entidades/organizacións interesadas, poden enviar unha solicitude para incluír o seu evento ou acción na axenda da web. A súa solicitude será tramitada e, se cumple os requisitos, presentarase no apartado de axenda e na páxina de inicio da web. Deste xeito, a páxina consegue ter un carácter comunitario, estando á disposición da poboación e tendo non só un valor informativo senón tamén activo.

Novas: este apartado inclúe as noticias máis relevantes da nosa comunidade en materia de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero.

Galería: dunha maneira visual e atractiva, neste apartado recóllense imaxes tanto dos diferentes espazos dos que dispón o centro como de accións levadas a cabo ao longo dos 30 anos de historia. É unha galería intuitiva que emprega un sistema de etiquetas para buscar as imaxes que interesen segundo a temática, por exemplo: compostela en negro, LGTBI+, 25N etc.

Contacto: páxina cun formulario directo de contacto onde tamén se inclúe información e teléfono directo e email.

Ademais, ao longo de todo o percorrido web, aparece sempre un aviso en formato Popup a través do cal, as persoas interesadas, poden pedir cita directamente a través da web, facilitando así a cercanía do centro.

Xunto coa creación do espazo web, abríronse perfís propios en redes sociais, concretamente en Facebook e Instagram. Ao longo do primeiro mes incluirán información de presentación do centro sempre coa imaxe corporativa e a posteriori, recollerán información sobre eventos e novas relacionadas coas accións propostas pola concellaría de Políticas de Igualdade.

Direccións relacionadas



Compartir: