POLÍTICAS SOCIAIS

O Concello de Santiago visibiliza a situación das persoas refuxiadas cunha exposición na Alameda

17/06/2021 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, presentou hoxe en rolda de prensa os actos que vai desenvolver o Concello, a través da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI), en colaboración coa Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, para conmemorar o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, que se celebra o domingo 20 de xuño. Estivo acompañada por Macamen Díaz e Teresa de Vallejo, representantes da Rede.

O día 20 de xuño conmemórase o Día Mundial das Persoas Refuxiadas, declarado así pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2001, co obxectivo de lembrar a situación que viven no mundo milleiros de persoas desprazadas forzosamente, solicitantes de asilo e apátridas. "Tamén é unha ocasión para fomentar a empatía coas persoas refuxiadas e desprazadas, recoñecéndolles a súa capacidade de resiliencia na reconstrución das súas vidas", indicou a concelleira, que lembrou que "son moitas as persoas que se achegan ao noso continente tras verse forzadas a fuxir do seu país de orixe, para salvar as súas vidas por motivos de fame, miseria económica, guerras, persecución, discriminación, violencia e/ou violación dos seus dereitos. Neste proxecto de migración por desesperación que emprenden, na busca dun lugar seguro onde poder refacer a súa vida, recorren ás veces a formas irregulares e arriscadas de facelo. O fenómeno das mortes nas costas do Mediterráneo central, segue a ser unha emerxencia en termos humanitarios".

Dende a UAMI, a Unidade municipal de atención ás migración, o Concello desenvolve accións de sensibilización dirixidas, tanto a protexer efectiva e plenamente os dereitos fundamentais das persoas migrantes e refuxiadas, como a facer visible que a súa loita por acadar un modo de vida digno e seguro, demasiadas veces termina cos peores prognósticos: a morte. "Polo tanto, o obxectivo que se persigue con esta campaña, tal como indica a Organización Internacional para as Migracións, é contribuír a que se poña fin a tales prácticas, e xestionar a migración de tal xeito que sexa segura, regular e ordenada, para beneficio de todas as persoas", indicou Castro.

Exposición na Alameda
Baseado nesta realidade e traballando en colaboración coa Rede Galega de Apoio as Persoas Refuxiadas, vaise levar a cabo unha exposición no paseo dos Léons da Alameda que detalla a relación de 40.555 persoas mortas dende 1993 ata a actualidade por distintas causas, pero todas vinculadas aos procesos de migración e desprazamento. Estará aberta á cidadanía desde o propio domingo día 20.

Con esta exposición, denominada 'Mira con outros ollos' trátase de concienciar á cidadanía e "facerlles saber que detrás de cada persoa falecida hai un nome, unha vida, unha causa e un motivo para fuxir", salientou Macamen Díaz.

A Banda municipal de Música tamén se sumará a esta iniciativa cun concerto o xoves 24 na praza de Praterías.

"Un ano máis agradezo publicamente o traballo que realizan tanto a Rede Galega aquí presente, como o resto das ONG da cidade que traballan a prol dos colectivos das persoas migrantes, no obxectivo común de ser capaces de facer ver que toda as persoas, incluídos as persoas migrantes e refuxiadas, poden facer unha contribución á sociedade e cada acción conta para crear un mundo máis xusto, inclusivo e igualitario", concluíu a concelleira.

Compartir: