ALCALDÍA

Sánchez Bugallo presenta, xunto ás alcaldesas da Coruña e de Castellón, as xornadas sobre políticas alimentarias "Do horto á cidade"

13/05/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe, xunto á súa homóloga da Coruña, Inés Rey; e á rexidora de Castellón, Amparo Marco, na presentación do evento, "Do horto á cidade". Os tres alcaldes lembraron o gasto que tiveron que afrontar os municipios para paliar os efectos da Covid-19, sen percibir ningunha compensación económica doutras administracións, a excepción da Deputación provincial, no caso das cidades da Coruña e Santiago.

"Do horto á cidade", un evento conxunto entre os programas europeos URBACT e EDUSI sobre políticas alimentarias para un Desenvolvemento Urbano Sostible, que terán lugar hoxe e mañá en Palexco e que o concello da Coruña organiza xunto ao Punto Nacional URBACT. Os tres coincidiron ao afirmar que as estratexias EDUSI se perfilan como grandes oportunidades para que as cidades poidan afrontar a súa transformación no ámbito da renovación tecnolóxica, da integración social e da defensa do patrimonio cultural e ambiental. Unha transformación, explicou Inés Rey, que nuns casos se paralizou e noutros se acelerou debido á pandemia da COVID-19.

Segundo explicou Sánchez Bugallo, na súa intervención, as axudas europeas propiciaron un cambio de paradigma no funcionamento dos concellos que garante unha mellor calidade de vida para a cidadanía. Sinalou que a crise sanitaria serviu para acadar certos cambios positivos para os municipios, como é a transformación tecnolóxica; e denunciou de novo que "ao inicio da pandemia os concellos estivemos sós, non recibimos ningunha axuda por parte das administracións públicas, excepto o millón de euros que nos achegou a Deputación".

Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, criticou que, dos fondos autonómicos extraordinarios que recibiu a Xunta pola COVID, o Concello non recibiu ningunha achega, e as axudas directas no termo municipal son unha parte residual dos 1.500 millóns de euros extra dos que dispón o Goberno autonómico. Mentres que, entre gastos extraordinarios e diminucións de ingresos derivados da pandemia, o Concello tivo que facer fronte nos últimos 14 meses a 26,4 millóns de euros. Rey lembrou que "os concellos fomos os primeiros en darlle respostas á veciñanza, en pór en marcha actuacións para atender as necesidades sociais e económicas derivadas da crise".

Pola súa banda, a alcaldesa de Castellón explicou que as estratexias EDUSI permitíronlle a Castellón experimentar unha profunda transformación e converterse nunha cidade máis inclusiva, amable, sustentable e accesible para a veciñanza. Asegurou que debido á crise sanitaria moitos dos proxectos postos en marcha paralizáronse, pero "os concellos demos a cara e estivemos en primeira liña con decisións e investimentos e reivindicou "un diálogo directo co Goberno central e non a través das comunidades autonómicas".

As xornadas "Do horto á cidade" servirán para que cidades e institucións de toda Europa debatan desde unha perspectiva global sobre como as políticas urbanas de alimentación sostible poden mellorar as nosas urbes e a calidade de vida das súas e os seus habitantes. Durante dous días daranse cita representantes dalgunhas das iniciativas máis relevantes a nivel mundial, como son o Pacto de Milán sobre Políticas Alimentarias Urbanas; a Declaración de Glasgow sobre a Alimentación e o Clima, que está vinculada á realización da COP26; o Centro Mundial de Valencia para a Alimentación Urbana Sostible (CEMAS); o programa europeo URBACT e Barcelona, como sede da Capital Mundial da Alimentación 2021.

Ademais, intervirán representantes de cidades europeas e españolas participantes nos programas URBACT e EDUSI como Roma, Coimbra, Mollet do Vallès, Santa Coloma de Gramenet, Castellón, Ourense ou Santiago de Compostela. Todas elas destacan pola súa firme aposta no desenvolvemento de políticas e proxectos dirixidos a mellorar os sistemas de alimentación desde unha perspectiva local e ecolóxica.

Documentos relacionados



Compartir: