XUNTA DE GOBERNO

O Concello asume o transporte urbano ata o Aeroporto de Santiago a través da liña 6

21/12/2020 A Xunta de Goberno acordou ordear á actual concesionaria do transporte colectivo urbano de viaxeiros que, a partir do vindeiro 23 de decembro de 2020 e ata a adxudicación do novo contrato, realice a prestación do servizo ao aeroporto e á Lavacolla, integrándoo no percorrido da liña 6 (San Marcos-Os Tilos). Na meirande parte do tempo, a frecuencia do autobús ao aeroporto, que ata o de agora era de 30 minutos, será de 20. Tamén se deu luz verde nesta mesma sesión á licenza para a quinta fase do despregamento de fibra óptica na zona vella e á aprobación inicial do estudo de detalle na rúa do Penedo, que permitirá a instalación de ascensores en 12 bloques de vivendas. Destes e doutros asuntos deu conta o alcalde en rolda de prensa esta mañá.

A Xunta de Goberno local acordou ordear á actual concesionaria do transporte colectivo urbano de viaxeiros, UTE TRAPSA-AULUSA, que, a partir do vindeiro 23 de decembro de 2020 e ata a adxudicación do novo contrato do servizo, realice a prestación do mesmo ao aeroporto de Santiago, integrando este percorrido na actual liña 6 de transporte urbano (San Marcos – Os Tilos).

Polo tanto, a liña 6 do transporte urbano incorpora a partir do mércores 23 de decembro as seguintes paradas situadas entre San Marcos e o aeroporto Rosalía de Castro: N-634, rotonda CRTVG; Xan Xordo; Lavacolla; N-634, Hotel Garcas; Cruce Mourentán (Correos); N-634, Casa Lorenzo; e Aeroporto – Chegadas. As prolongacións a Bando, Vilamaior e ASPAS que se facían coa liña 6 levaranse a cabo con outro bus, a través da liña P5.

As tarifas para estas novas paradas serán as de aplicación no transporte urbano, sendo tamén válidos os mesmos títulos de viaxe que se poden empregar nas restantes liñas da rede. Todos estes aspectos serán obxecto de revisión e valoración unha vez iniciada a prestación do servizo, realizando os axustes que sexan precisos.

Sobre a retribución á empresa concesionaria, actualmente a liquidación anual do servizo segue realizándose de acordo co establecido no contrato e no prego de cláusulas administrativas e técnico-económicas particulares que rexían esa licitación. En base a estas variables, a compensación que deberá aboar o Concello ao operador estímase en 741.838,19 €/anuais.

Licenzas
No apartado de licenzas, concedeuse a ORANGE a relativa á quinta fase de despregamento de fibra óptica na cidade histórica, cun orzamento de execución material de 19.196,04 euros e que afectará ao seguinte ámbito:
1.-Algalia de Arriba (pares e impares)
2.-Praza da Algalia de arriba
3.-Rúa de Santa Cristina
4.-Fonte de San Miguel
5.-Praza de San Miguel dos Agros
6.-Rúa San Miguel dos Agros
7.-Praza de San Roque
8.-Rúa das Rodas (impares)
9.-Rúa Entremuros (pares)
10.-Algalia de Abaixo (pares e impares)
11.-Praza da Algalia de Abaixo
12.-Rúa dos Truques

O obxectivo, segundo sinalou o rexedor compostelán, é que para a primavera estean despregadas todas as fases, o que permitirá levar a fibra óptica á zona vella da cidade. Nesta sesión tamén se concedeu licenza a Compañía de María para a reforma do salón de actos do colexio, e á USC para a reforma parcial e acondicionamento do pavillón de servizos para a área de tecnoloxías da información e das comunicacións, sito no Campus Vida.

Accesibilidade nas vivendas da rúa do Penedo
Outro dos asuntos destacados desta Xunta de Goberno foi a aprobación inicial do Estudo de detalle para a dotación de accesibilidade aos inmobles de vivenda colectiva emprazados na rúa do Penedo (anterior Corredoira de Campsa), no barrio de Conxo. Beneficiaranse desta medidas os edificios do número 56 ao 68: 12 bloques en total que agrupan 56 vivendas e que poderán iniciar as obras para a colocación de ascensores unha vez se aprobe o estudo de detalle de forma definitiva. O rexedor espera que sexa "antes da primevera", unha vez se cumpla tamén o trámite de exposición pública durante o prazo dun mes.

No ámbito da vivenda, deuse conta tamén da sinatura, con data 29 de outubro de 2020, dos acordos da comisión bilateral correspondente á súa anualidade 2020, ao abeiro do programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan estatal 2018-2021 para as seguintes áreas: fase 17ª do Casco Histórico; fase 7ª do barrio de Pontepedriña; fase 3ª do barrio de Vite. Así mesmo, deuse conta da addenda que inclúe un aumento no número de actuacións dos seguintes acordos:
• Fase 7ª do Polígono de Vista Alegre: Ampliación de 80 a 96 actuacións.
• Fase 8ª do Polígono de Vista Alegre: Ampliación de 48 a 64 actuacións.
• Fase 5ª do Barrio de Pontepedriña: Ampliación de 24 a 38 actuacións.
• Fase 1ª do Barrio de Vite: Ampliación de 24 a 64 actuacións.
En conxunto, indicou Sánchez Bugallo, "prevense entre un mínimo de 176 e un máximo de 262 actuacións neses ámbitos".

Contratación
A Xunta de Goberno aprobou o expediente para a subministración de vehículos eléctricos puros ou con etiqueta ambiental cero e de vehículos eléctricos híbridos ou con etiqueta ambiental eco e da infraestructura de recarga para o uso dos mesmo, e a apertura do procedemento de adxudicación mediante procedemento aberto. Son 6 vehículos, cun tipo de licitación de 370.495,52 euros, destinados á Policía local (4), Bombeiros (1) e Protección Civil (1).

Evolución da pandemia
Na rolda de prensa o alcalde quixo valorar tamén a evolución das cifras da pandemia na cidade: "os datos non son bos e a evolución non é nada positiva", recalcou Sánchez Bugallo que, á luz dos mesmos, reiterou o chamamento á "responsabilidade individual e colectiva" de todos os cidadáns e cidadás, pois "a maior parte dos casos, máis do 60%, se producen na esfera familiar".

Segundo indicou Sánchez Bugallo, os casos activos totais pasaron de 90, o día 7 de decembro, a 134 o día 14, e a 196 o día 20, co que a intensidade acumulada a 14 días aumentou de 80 a 176 casos por 100.000 habitantes. Lembrou o rexedor que "seguimos sancionando" aquela condutas que non estean permitidas e fixo unha especial referencia ás festas en vivendas, que experimentaron un ascenso. "Se estabamos en 10-12 á semana, na pasada houbo 27", indicou o alcalde que lembrou que "todos serán denunciados e sancionados".

Asistencia ao acto de apertura da Porta Santa
Tamén aproveitou Sánchez Bugallo para anunciar que o acto de apertura da Porta Santa, o xoves 31 de decembro, poderá ser presenciado na praza da Quintana por 270 persoas. Quen desexe acudir terá que retirar a entrada na taquilla do Teatro Principal dende mañá martes 22 de decembro e ata o martes 29 (ambos incluídos) en horario de 18.00 h a 21.00 horas, exceptuando o domingo 27, que estará pechada. O luns 28 o horario de recollida será de 18.00 a 20.00 h. Os interesados deberán deixar os seus datos de contacto. Cada persoa poderá recoller dúas entradas, achegado o DNI (ou fotocopia) das persoas que acudirán o día 31 á praza da Quintana.

Observaranse as medidas de prevención hixiénico-sanitarias: uso de máscara, distancia interpersoal e hixiene de mans. Recomendase, así mesmo, a non asistencia a persoas maiores de 75 anos, persoas vulnerables á COVID-19 e a aquelas que presenten algún tipo de enfermidade ou dificultade respiratoria que se poida ver agravada polo uso da máscara ou que presenten algunha alteración que faga inviable a súa utilización.

Compartir: