TURISMO

O Concello destina ata 400.000 euros á innovación do sector hostaleiro co obxectivo de facilitar a súa recuperación económica

09/06/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou este martes as bases da Convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e hospedaxe compostelá, integradas no Plan de Reactivación do Sector Turístico, que conta con tres eixes estratéxicos: avaliación da actual situación, accións dirixidas a captación de turismo, e axudas ao sector como as desta convocatoria, á que o Concello de Santiago destina 100.000 euros, ampliables noutros 300.000 en función da demanda. Segundo explicou Sindo Guinarte, a principal finalidade destas subvencións é fomentar a innovación na restauración e hospedaxe de Santiago, como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial e facilitar a adaptación ao novo contexto económico derivado da COVID-19.

Entre os obxectivos específicos das axudas está promover a implantación de tecnoloxías da información e da comunicación (TIC); mellorar as condicións físicas dos locais en cuestións relacionadas coa distribución e funcionalidade dos espazos, a accesibilidade, a sostibilidade e o atractivo comercial; dotar os establecementos de equipamento e tecnoloxía que melloren a súa competitividade; implementar procesos de mellora comunicativa; incorporar ou ampliar o uso da lingua galega e doutros idiomas; e achegar recursos para atender investimentos e gastos correntes realizados con motivo da situación derivada da COVID-19, facilitando así, segundo o concelleiro de Turismo, "a recuperación económica do sector da restauración e da hospedaxe".

A convocatoria de axudas inclúe tres liñas de subvención, compatibles entre si:

Liña A: axudas para investimentos na adecuación física dos locais, TICs e innovación; á que se destinan 50.000 euros. Inclúe, como gastos subvencionables:

- Obras de reforma e/ou ampliación do local ocupado pola empresa.
- Mellora de illamentos, equipamento e instalacións.
- Substitución de ventás, portas ou outros elementos de peche, adquisición/substitución de mobiliario e elementos de decoración, luminarias, intervencións en fachadas e instalación/substitución de letreiros e rótulos comerciais.
- Maquinaria e bens de equipo, incluídos os informáticos, relacionados coa actividade produtiva da empresa.
- Periféricos e outros compoñentes (lectores de códigos de barras, caixóns portamoedas, impresoras de tíckets etc.).
- TPV integrados.
- Paquetes de software de xestión, organización ou comercialización empresarial e licenzas precisas para a realización da actividade da empresa.
- Elementos de seguridade e protección hixiénica adquiridos e/ou instalados para a seguridade de traballadores/as e/ou clientela por mor da COVID-19
- Outros investimentos en innovación, relacionados coa incorporación de novos procesos, métodos de comercialización ou de organización empresarial.

Liña B: gastos de comunicación, realizada en lingua galega e/ ou noutros idiomas que contribúan a unha mellor atención da clientela turística recibida no establecemento; á que se destinan 15.000 euros. Inclúe, como gastos subvencionables:

- Honorarios profesionais para o deseño ou actualización da imaxe corporativa, do seu desenvolvemento, aplicacións…
- Honorarios profesionais para o deseño, redacción, programación ou xestión de calquera material comunicativo, físico ou virtual.
- Gastos relativos á produción e reprodución de materiais comunicativos, tanto en formato físico como virtual.
- Gastos de produción e organización de eventos comunicativos ou promocionais.

Liña C: outros gastos correntes xerados na adecuación dos negocios necesarios por mor da COVID-19; que conta cunha partida de 35.000 euros. Inclúe, como gastos subvencionables:

- Gastos de asesoría e consultaría financeira e laboral ordinarios ou extraordinarios realizados.
- Honorarios profesionais para asesoramentos relacionados coa organización do servizo, as medidas hixiénico-sanitarias, a comercialización, etc.
- Honorarios profesionais para o mantemento e xestión de páxinas web, redes sociais e servizos online.
- Honorarios profesionais para o mantemento de redes informáticas e sistemas de xestión empresarial.
- Gastos de mantemento de hosting e TPVs virtuais.
- Calquera outro gasto corrente que fose preciso para a adecuación dos locais e/ou a modificación dos procesos de prestación de servizos para adecuar os mesmos con motivo da situación derivada da COVID-19.

Estas axudas teñen carácter finalista, polo que o importe da subvención concedida non poderá ser empregado para outros fins. Esíxese un mínimo de 600 euros (IVE excluído) en gastos xustificados para poder concorrer a esta convocatoria. O máximo subvencionable son 5.000 euros por cada unha das liñas de axudas, que subvencionarán o 80% do importe total do orzamento de gasto

Beneficiarios e prazos
Poderán resultar beneficiarias as persoas físicas ou xurídicas, ou sociedades civís, legalmente constituídas, que cumpran os seguintes requisitos:

- Que a súa actividade principal estea incluída nalgunha das agrupacións ou epígrafes correspondentes á clasificación do imposto de actividades económicas incluídas no anexo I da convocatoria, entre os que se atopan servizos en locais de hostalería e restauración, hospedaxe, así como campamentos turísticos. Establecementos que foron obrigados a pechar pola declaración do Estado de Alarma.

- Que o local sobre o que se realice o investimento ou gasto se atope no municipio de Santiago de Compostela.

- Ser unha pequena empresa: ocupar menos de 50 persoas e ter un volume de negocio anual ou balance xeral anual que non supere os dez millóns de euros.
Todos estes requisitos deben cumprise no momento da publicación desta convocatoria no BOP.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles a contar dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP. A data límite de xustificación será o 2 de novembro de 2020.

Minimizar o impacto da crise
Durante a comparecencia, Sindo Guinarte, que estivo acompañado da técnica responsable da área de Promoción Económica, Carme Casado, destacou o esforzo que está realizando o Concello de Santiago para minimizar o impacto da crise, coa aplicación do Plan de Reactivación Económica, que conta cun investimento de cinco millóns de euros. Un plan que se centra, segundo explicou, "nas pequenas e medianas empresas, nos autónomos e nas persoas desempregadas". Un programa, indicou, de "23 medidas de estímulo da competitividade da economía local".

Pola súa banda, Carme Casado sinalou que a convocatoria está pensada para que as empresas do sector teñan cobertura económica nos procesos de adaptación de prestación de servizos que deben facer para adaptarse a nova normalidade derivada da pandemia da COVID-19. Recordou que a convocatoria cubre tanto gastos realizados con motivo desta crise, como os proxectos "que se quixeran pór en marcha e puideran ser executados antes do 2 de novembro". Valorarase o proxecto, aclarou, priorizando "as pequenas empresas; as que teñen compoñentes que as poden facer máis vulnerables, como as promovidas por mulleres, as que teñen un alto contido de emprego xuvenil, as que sexan de nova implantación; ou aquelas empresas que pertenzan a unha asociación empresarial".

Para Carme Casado, estas axudas son unha "invitación á reflexión". Por unha parte, para axudar a aquelas necesidades que xa se produciron, pero tamén para convidar ás empresas do sector hostaleiro e da restauración a "seguir adaptándose, a seguir mellorando e a seguir innovando".

Direccións relacionadas



Compartir: