ACCIÓN CULTURAL E BARRIOS

O Ensanche vivirá a vindeira fin de semana a sexta edición da súa festa

23/09/2019 Os concelleiros de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e de Barrios, Javier Fernández, acompañados do presidente da Asociación Veciñal Raigame, Xosé Manuel Durán, presentaron a VI Festa da Zona Nova, que se celebrará o vindeiro sábado e domingo. A praza Roxa será o epicentro desta Festa, que terá pasarrúas, cantos de taberna, a actuación da Banda Municipal e ata unha intervención artística pública, entre outras propostas.

Mercedes Rosón quixo por en valor o "gran traballo" que vén realizando dende hai anos a Asociación Veciñal Raigame para revitalizar o barrio e facelo "máis humano". Nesa liña se pronunciou tamén Javier Fernández, quen agradeceu a entidade o seu esforzo por "darlle unha identidade propia ao Ensanche" e implicar a toda a veciñanza do Barrio.

Xosé Manuel Durán foi o encargado de detallar a programación desta VI Festa da Zona Nova, que enmarcou no labor de Raigame para dar "cohesión social" ao Ensanche e desenvolver o "sentido de pertenza ao barrio". Do calendario de propostas, comezou por destacar a intervención artística pública que o sábado 28 realizarán Luis Davila e Marc Taguer en dous muros: o do antigo Peleteiro e, probablemente, outro na Rapa da Folla.

Durante toda a xornada tamén haberá unha Festa do Comercio, na que os establecementos sairán á rúa e agasallarán aos/ás clientes cunha mazá e cun poema de Rosalía. Tamén este día, a partir das 10:00 horas, celebrarase a final do Torneo de Xadrez que ao longo da semana ten lugar no CSC do Ensanche e en catro locais hostaleiros do barrio.

Ás 11:30 horas, na praza Roxa, ioga na rúa con Anahata Yoga e, xa ao mediodía, no mesmo lugar, polvo á feira e sesión vermú con Kind of Soul. Pola tarde, test de surf skate con Core Surfing e, de 16:00 a 18:00 horas, pasarrúas de Trópico de Grelos. A xornada festiva do sábado pecharase de 20:00 a 22:00 horas cos Cantos de Taberna por diversos establecementos hostaleiros da zona nova.

A programación da Festa completarase o domingo 29, ás 12:00 horas, coa actuación da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, no cruceiro de Ramírez.

Documentos relacionados



Compartir: