MEDIO AMBIENTE

Bota a andar "Ecosfera", o novo programa municipal de educación ambiental

01/02/2019 A Concellaría de Medio Ambiente pon en marcha un novo programa de educación ambiental, con accións dirixidas de xeito específico aos centros escolares e outras abertas ao público en xeral. As actividades do Ecosfera botarán a andar o próximo sábado, cunha visita guiada á lagoa de Cornes.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, presentou hoxe o programa Ecosfera, "un proxecto que pretende poñer en valor todos os elementos que conforman a nosa contorna: a auga, o aire, os ecosistemas... amosar o impacto que o noso modelo de consumo ten sobre o Planeta e demostrar que hai alternativas viables para producir cambios nas escalas local e global". O edil apuntou que "o obxectivo é mostrar a complexidade das relacións socioambientais dende unha perspectiva didáctica e participativa". O programa desenvolverá conceptos relacionados fundamentalmente coa ecoloxía urbana, para "abordar situacións ligadas á cotianeidade da cidadanía e para dar a coñecer unha visión holística do medio ambiente e o mesmo tempo recoñecible".

Actividades para centros de ensino
Dentro do programa Ecosfera haberá accións específicas para centros escolares, "con dinámicas adaptadas aos diferentes niveis educativos". Xa está confirmada a participación de preto de 500 alumnos e alumnas de vinte colexios da cidade.

Para o alumnado de Infantil e primeiro ciclo de Primaria están deseñadas dúas actividades distintas: "Detectives do entorno", coa que o alumnado coñecerá a contorna do seu propio centro educativo; e "Historia do lixo", un xogo para que os nenos e as nenas aprenderán a recoller e separar os desperdicios.

Para o alumnado de segundo e terceiro ciclo de Primaria e do primeiro ciclo da ESO haberá outras dúas propostas: "A aldea de Compostela", un xogo de equipos co que o alumnado coñecerá a biodiversidade local e dos montes comunais e a importancia de reducir o noso consumo para manter o equilibrio ecolóxico; e "A historia dun móbil", unha actividade para abordar cuestións relacionadas co consumo e a tecnoloxía.

Por último, para os rapaces e rapazas da ESO e de Bacharelato haberá tamén varias actividades: "O cumio dos ecopuntos", un xogo para para reflexionar sobre a mercantilización da natureza e a débeda ecolóxica; "Roteiro da enerxía de Compostela", un percorrido polo centro da cidade para visualizar como a enerxía forma parte constante das nosas vidas; e "O xogo dos cubos", un xogo de equipos para mostrar a desigualdade no acceso aos recursos naturais.

Actividades para todos os públicos
O programa Ecosfera tamén contempla unha serie de actividades para todos os públicos, que se desenvolverán entre febreiro e xuño e que serán dirixidas dende a rede de centros cívicos. As accións deseñadas "están relacionadas co consumo responsable, a redución na xeración de residuos e a valorización do noso medio ambiente local", explicou o concelleiro.

Entre as actividades previstas haberá un obradoiro de fotografía e paisaxes urbanas, unha charla sobre os humidais e unha conversa sobre os efectos dos incendios no monte. Tamén haberá obradoiros de ecoloxía urbana, nos que se abordarán cuestións como a limpeza sen tóxicos, compostaxe doméstica, recuperación téxtil ou elaboración de xoguetes con materiais de refugallo.

Visita á lagoa de Cornes
A primeira das actividades será unha saída guiada ata a Lagoa de Cornes, o 2 de febreiro. A saída será ás 11:00 h dende o Centro Cívico de Conxo, e o obxectivo é poñer en valor os espazos naturais húmidos e os hábitats de ribeira. Para participar na visita é preciso inscribirse a través do e-mail proxectoecosfera@gmail.com. A día de hoxe, as peticións xa superaron todas as expectativas, polo que se realizará unha nova visita á lagoa o sábado 9 de febreiro, tamén con saída ás 11:00 h dende o Centro Cívico de Conxo.

Documentos relacionados



Compartir: