DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO E MEDIO RURAL

Inaugurada en Amio a mostra "Anacos do rural de Compostela e A Coruña"

19/12/2018 A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, e o edil de Medio Rural, Mantemento e Obras para o Equilibrio Territorial, Rafael Peña, asistiron este mércores á presentación da edición multimedia de Galicia en la memoria, unha escolma de fondos fotográficos e cinematográficos de Galicia da Mediateca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de entre os anos 1934 e 1989. Unha selección destas fotografías integra a exposición Anacos do rural de Compostela e A Coruña, que xa pode visitarse no hall principal do Recinto Feiral de Amio.

Ademais dos concelleiros, neste acto de presentación participaron o xefe de Publicacións do Ministerio de Agricultura, Rubén García, e o coordinador da mostra, Aser Álvarez, ademais de representantes das institucións que colaboran coa mostra, promovida polo Concello de Santiago e a Deputación da Coruña. Tras a inauguración da exposición, as persoas participantes visitaron tamén o mercado de gando de Amio

A exposición, integrada por 14 paneis e 31 fotos, estará no Recinto Feiral de Amio durante estas datas de Nadal. Despois, a mostra pasará polos centros cívicos do Rural.

Marta Lois destacou a importancia dunha exposición que "supón poñer en valor o noso rural para achegalo a toda a veciñanza". A concelleira tamén fixo fincapé na importancia de inaugurra a mostra nun mércores, que "é cando Amio acolle unha das feiras de gando máis importantes do Estado".

FICRural
Anacos do rural de Compostela e A Coruña enmárcase dentro dun proxecto máis amplo que leva por nome FICRural, Feira Internacional da Economía e Cultura Rural e Alternativa, e cuxas principais actividades se van desenvolver na primavera de 2019. A FICRural busca ser un foro contemporáneo de reflexión, intercambio e divulgación de experiencias creativas e emprendedoras no rural e mesmo un motor para o deseño dun novo modelo de desenvolvemento e dinamización do rural.

Ten como principal obxectivo ser un punto de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural. Con este obxectivo, a feira agruparase en tres eixos estratéxicos de actividades centrais, como son FICRural Visión, FICRural Feira e FICRural Xogo.

No primeiro deles preténdese mellorar o coñecemento da nosa cultura e identidade, así como crear un arquivo de recursos audiovisuais para a recuperación da memoria rural e favorecer o diálogo intercultural entre os espazos rurais e os urbanos. Aproveitando recursos cotiás como os móbiles e as redes sociais, desenvolveranse actividades como obradoiros de cine, encontros de cine rural, un festival de cine rural ou xincanas fotográficas e audiovisuais nas parroquias rurais de Compostela, enfocadas principalmente nas rapazas e rapaces dos centros de Educación Secundaria.

Na segunda delas, FICRural Feira, crearase un espazo de encontro para favorecer o intercambio, o diálogo e a reflexión sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural, compartindo experiencias con actores públicos e privados, nacionais e internacionais, e xerando unha rede de contactos e colaboración entre axentes de proxectos de emprendemento rural e de dinamización dos recursos endóxenos de Compostela e doutros concellos da provincia da Coruña.

Coa terceira proposta preténdese divulgar o patrimonio lúdico galego, socializalo e levar as escolas os xogos tradicionais, como alternativa de ocio aos xogos actuais. Iso si, non está pensado só para os mais cativos, pois a contorna rural é unha alternativa de ocio para a práctica de actividades saudables e sostibles, promovendo o coñecemento deste territorio, a través de roteiros temáticos, andainas, saídas en bici e outras actividades para dar a coñecer o rural compostelán.

FICRural 2018 incorporarase no programa Compostela Móvese, que integra dende o ano 2015 todas as accións da Oficina de Promoción Económica relacionadas co desenvolvemento económico, apoio á cultura emprendedora e creación de novas empresas. A Oficina de Promoción Económica leva apoiando a creación de empresas e o autoemprego a través de programas de formación, dinamización da actividade económica, encontro comercial e axudas dende a súa creación no ano 2004, existindo ademais esta liña de traballo e actividade con anterioridade a esa data no marco das accións da extinta Axencia de Desenvolvemento Local.

Compartir: