XUNTA DE GOBERNO

O Concello porá en marcha un centro tecnolóxico para fomentar a creación de emprego de calidade

15/06/2018 A Xunta de Goberno acordou hoxe remitir ao Ministerio de Facenda a ficha da operación para posta en marcha dun Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, de cara á súa inclusión no programa ReVive-Edusi Santiago. O proxecto ten un orzamento de 320.000 euros, dos que 256.000 procederían de fondos europeos FEDER e os 64.000 euros restantes serían achegados polo Concello.

A alcaldesa en funcións, María Rozas, explicou que o Centro de Excelencia Tecnolóxica de Emprego e Crecemento, CETEC, ten como obxectivo "estabilizar a prestación de servizos que melloren as condicións de empregabilidade para o acceso ao mercado laboral das persoas en situación de desemprego, e fomentar a creación de postos de traballo estables e de calidade". Entre as medidas concretas que se impulsarán dende ese centro, a concelleira salientou a creación dunha incubadora de procesos colaborativos e do Observatorio da Innovación Social, así como a execución de teses, traballos fin de grao e traballos fin de máster vinculados ás áreas de traballo consideradas necesarias para a creación de máis e mellor emprego.

O labor do CETEC estará vinculado á Mesa polo Emprego de Santiago, e o obxectivo do Concello é que permita "intensificar a colaboración coas entidades vinculadas ao ámbito laboral, tamén a Universidade de Santiago".

Obradoiros de emprego
Dentro das políticas de fomento do emprego, a Xunta de Goberno aprobou hoxe a sinatura de cadanseu convenio de colaboración cos concellos de Ames e Teo para organizar de maneira conxunta dous obradoiros de emprego cos que presentarse á convocatoria de subvencións da Xunta de Galicia.

O acordo co concello de Ames ten como obxectivo poñer en marcha un obradoiro de emprego dual que se desenvolvería entre setembro de 2018 e maio de 2019, coa participación de 20 alumnos/as-traballadores/as. As especialidades formativas serían as de Repoboacións forestais e tratamentos selvícolas e Pavimentos e albanelería de urbanización, e os servizos e obras a realizar na etapa de formación serían a urbanización e mellora medioambiental no Polígono do Tambre, o acondicionamento da Finca "Pedra Castro" e a apertura e mantemento de vías forestais.

En canto ao convenio co concello de Teo, o obradoiro de emprego previsto desenvolveríase desde setembro de 2018 a febreiro de 2019, coa participación de 15 alumnos/as-traballadores-as. As especialidades formativas a impartir neste caso serían Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. Os servizos e obras a realizar durante a etapa de formación serían a creación do Servizo multimedia de información municipal e participación veciñal, e a rehabilitación para centro BTT da Escola Unitaria de Amio.

Rehabilitación da Ponte Vella da Rocha
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou o proxecto técnico para o remate da rehabilitación da Ponte Vella da Rocha. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento máximo de licitación dalgo máis de 135.000 euros, e un prazo de execución de tres meses. A alcaldesa en funcións explicou que "as características das obras obrigan a executalas cando o caudal do río vaia máis baixo, previsiblemente nos meses de agosto e setembro".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: