XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno resolve a primeira convocatoria de axudas de cooperación ao desenvolvemento

20/10/2017 A Xunta de Goberno resolveu hoxe a primeira convocatoria das subvencións de cooperación ao desenvolvemento, impulsada dende a Concellaría de Políticas Sociais. Serán tres entidades as beneficiarias.

A ONG Arquitectura sen Fronteiras recibirá unha subvención de 15.000 euros, o máximo establecido, para a fase II dun proxecto para a mellora da calidade educativa con pertinencia cultural e de xénero no municipio de Champerico, en Guatemala.

Tamén se acordou unha achega de 15.000 euros para Enxeñería sen Fronteiras, neste caso para un proxecto relacionado coa xestión pública da auga no municipio de El Triunfo, en Honduras. Idéntica cantidade será para a Asemblea de Cooperación pola Paz, que desenvolverá un proxecto para a mellora das condicións hixiénico-sanitarias, medioambientais e de equidade de xénero en El Salvador.

No listado de entidades beneficiarias na convocatoria figura tamén Vicente Ferrer, que vai desenvolver un proxecto na India que mellorará as condicións de habitabilidade de 86 familias rurais.

Solidariedade Internacional Galicia presentou un proxecto para a promoción da saúde e o medio ambiente da poboación indíxena Mam de Guatemala, polo que recibirá unha achega de 14.937,38 euros, e por último, a Fundación Fabre recibirá 14.276,31 euros, para a formación do persoal sanitario con especialidade en saúde materno-infantil e nutricional no departamento de Suchitepéquez, en Guatemala.

Outras axudas
A Xunta de Goberno tamén resolveu hoxe a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado. En total, destinarase a estas axudas unha cantidade próxima aos 250.000 euros, e serán 60 as entidades beneficiarias.

Aínda no eido do deporte, hoxe recibiu o visto bo o modelo do convenio entre o Concello e o Obradoiro CAB, que contempla unha subvención nominativa de 65.000 euros.

Por outra parte, e a proposta da concelleira delegada de Desenvolvemento Económico, acordouse solicitar á Xunta unha subvención de 28.600 euros para a contratación de dous axentes de emprego e desenvolvemento local. O Concello fará unha achega de 53.000 euros para esas contratacións.

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: