XUNTA DE GOBERNO

Iniciada a licitación das cubertas portantes para os parques infantís de Fontiñas e Castiñeiriño

20/10/2017 A Xunta de Goberno acordou este venres a apertura do procedemento de adxudicación das cubertas portantes para as áreas de xogo infantís de Fontiñas e Castiñeiriño. O proxecto ten un tipo licitación de case 200.000 euros, IVE incluído.

O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que este proxecto está enmarcado no proceso dos Orzamentos Participativos 2017 Compostela Decide e foi unha das propostas que máis apoios recibiu. Tamén lembrou que os parques cubertos foran unha demanda dos grupos da oposición durante a negociación dos orzamentos municipais.

Cesións de uso
A Xunta de Goberno de hoxe tamén aprobou varias propostas relativas á cesión de uso de parcelas e inmobles de titularidade municipal. Así, acordouse atender unha vella petición da Asociación de Persoas con Dano Cerebral Adquirido Sarela, para que poidan utilizar unha parcela de Tras Paxonal, contigua á súa sede, para acondicionar un parque infantil e de ocio inclusivo. A cesión de uso faise por catro anos.

Na mesma liña, o Executivo local deu conta da segregación dunha parcela municipal en Santa Marta e da cesión de uso dunha das subparcelas resultantes en favor da ANPA do Xardín de Infancia de Santa Marta. Será tamén por un prazo de catro anos.
Por último, deuse conta da cesión de uso de varios espazos da Escola Unitaria de San Marcos en favor da Asociación de Persoas Xordas de Santiago

Premio Compostela para Álbums Ilustrados
Finalmente, a Xunta de Goberno deu conta do veredicto do xurado do X Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, que concede o Concello en colaboración coa editorial Kalandraka. Na súa décima edición, o galardón recaeu no traballo presentado baixo o lema La huerta de Simón. A súa autora é Rocío Soledad Alejandro, de Bos Aires (Arxentina).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: