POLÍTICAS SOCIAIS

O Mapa Emocional de San Pedro percorre a memoria do barrio a través dos seus veciños e veciñas

13/06/2017 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde, Concha Fernández, presentou este martes o Mapa Emocional de San Pedro, unha iniciativa que navega pola memoria do barrio e que foi posible grazas ao traballo de Unitaria. Na rolda estivo acompañada de Gonzalo Suárez e Coro González, responsables do proxecto.

Este Mapa Emocional é un espazo de intercambio comunitario de sentimentos e saberes sobre o pasado, presente e futuro construído a través da participación colectiva e interxeracional, poñendo a disposición de todo o mundo a memoria, opinión e desexos da veciñanza de San Pedro. Unha experiencia transformada en ferramenta interactiva que pretende perdurar no tempo.

Co Mapa Emocional pódese amplificar a dimensión do entorno contada polos veciños e as veciñas, artellando un arquivo de vida cotiá do contexto do barrio e poñendo a disposición de todo o mundo a través de internet a realidade vivida e sentida pola comunidade.

Diagnose comunitaria
O documento referencia para que este proxecto botara a andar é a diagnose comunitaria do barrio, impulsada polos Servizos Sociais do Concello e nutrida por axentes sociais, educativos e culturais presentes no contexto. Detectáronse necesidades como a existencia de espazos e programas de intercambio inerxeneracional e accións de recuperación da autoestima social.

O proxecto, que se quere impulsar noutros barrios da cidade, poderase consultar a finais de semana en www.sanpedroemocional.com e xa foi presentado á veciñanza do barrio o pasado sábado, nun acto que rematou cun roteiro guiado pola memoria.

Accións
Ata o 1 de xullo, coincidindo coa celebración das festas do barrio, levaranse a cabo actividades de dinamización focalizadas a promocionar o Mapa entre a veciñanza e visitantes. Tamén se realizará un obradoiro comunitario de alfabetización dixital para comprender a utilidade e uso do mapa e, finalmente, unha orquestra experimental como laboratorio de creación sonora con contido social e cultural onde se mestura a música tradicional do lugar coa música electrónica e contemporánea.

Xa a partir do 1 de xullo, a ferramenta continuará viva mediante a existencia dun soporte interactivo táctil e o mapa virtual, que contará historias do barrio a través dos seus habitantes e que estarán xeolocalizadas nun mapa dixital interactivo en clave de pasado, presente e futuro.

Compartir: