ALCALDÍA E EDUCACIÓN

O alcalde recibe o alumnado do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires

15/09/2016 O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e o concelleiro de Educación, Manuel Dios, recibiron este mediodía no Pazo de Raxoi o alumnado da VIII Promoción do Instituto Santiago Apóstolo de Bos Aires. Os rapaces chegaron onte a Galicia na súa viaxe de fin de curso e visitarán a nosa comunidade ata o próximo día 29.

Durante a recepción, o alcalde lembroulles aos estudantes que tivo a oportunidade de coñecer o seu instituto durante a visita que realizou á capital arxentina con motivo da Feira do Libro de Bos Aires, na que Compostela foi a cidade invitada. Martiño Noriega loubou novamente o papel deste centro educativo,"no que a comunidade galega de Bos Aires segue manifestando a súa vontade de perseverar nas súas raíces galegas".

Os rapaces e rapazas que participaron na visita recibiron como agasallo do Concello unha imaxe da Catedral vista dende a Alameda e cadanseu exemplar do libro Así é Santiago, editado por El Patito Editorial e ilustrado por Fermín Solís. Pola súa parte, o alumnado do Instituto Santiago Apóstolo entregoulle ao alcalde un pequeno cadro feito coa técnica do fileteado, típica de Bos Aires, no que se pode ler "Dúas beiras unidas para sempre".

Compartir: