MEDIO AMBIENTE

Os CEIPs de Roxos e Mestre Rodríguez Xixirei gañan a primeira campaña "Reciclar na escola ten premio"

20/06/2016 O edificio Cersia, en San Lázaro, acolleu este mediodía a entrega dos premios da primeira campaña "Reciclar na escola ten premio", enmarcada no programa Tropa Verde. O acto estivo presidido polo alcalde, Martiño Noriega, e contou coa asistencia dos concelleiros de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, así como de representantes das empresas colaboradoras.

Na campaña "Reciclar na escola ten premio" implicáronse 20 centros educativos de Compostela, que supoñen un total de 2.342 alumnas e alumnos. Entre todos recolleron 2.400 litros de aceite de cociña usado, 1.030 teléfonos móbiles, e 3.300 aparellos eléctricos e electrónicos, que equivalen a 750 quilos. Deste xeito, a campaña evitou a contaminación de 54 millóns de litros de auga e de máis de 100.000 metros cúbicos de chan.

No apartado de recollida de aparellos eléctricos e electrónicos, os estudantes que máis reciclaron foron os da aula de 6º de Primaria do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei. O segundo premio nesta categoría foi para a aula de 4ºB de Primaria do CEIP de Roxos, e a terceira clasificada foi a aula de 4º de Primaria do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei.

En canto á recollida de aceites de cociña usados, os mellores resultados foron os da aula "A sexta oliva" do CEIP de Roxos, seguidos pola aula de 3º de Primaria do CPR A Milagrosa. O terceiro premio nesta modalidade foi para a aula "Pepito Aceite" do CEIP de Roxos.

"Reciclar na escola ten premio" está impulsado pola Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia, en colaboración con Teimas Desenvolvemento. Na campaña colaboraron PMA Nutrigas e Compostela Inserta, que se encargaron de subministrar os contedores para realizar a recollida do aceite usado. No que ten que ver coa recollida de aparellos eléctricos, na iniciativa colaborou a Asociación Adén e o xestor de residuos Taxileón-Logiraes.

Proxecto innovador
Tropa Verde é un proxecto tecnolóxico e innovador desenvolvido por Teimas Desenvolvemento, que premia a conciencia ecolóxica da veciñanza. Os cidadáns inscritos na plataforma reciben puntos cada vez que fan accións responsables medioambientalmente, como depositar residuos nos lugares acaídos, ou asistir a eventos de sustentabilidade. Eses puntos pódense trocar por distintos agasallos e premios que entrega nos locais patrocinadores.

O proxecto púxose en marcha en maio de 2015. Neste tempo, preto de 2.000 cidadáns rexistráronse na plataforma, e conseguiuse a patrocinio de 115 establecementos do comercio e da hostalería compostelá. Outros datos que falan do éxito do programa son que, en menos dun ano, repartíronse 4.700 cheques e ofertáronse 1.500 recompensas por un valor de 12.000 euros.

Direccións relacionadas



Compartir: