DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

O Concello presentará a nivel local cunha xornada o proxecto europeo de cidades enerxeticamente eficientes PLEEC

03/07/2013 A concelleira María Pardo presentou en rolda de prensa o proxecto, que inclúe como actividade unha mesa redonda que se celebrará o 19 de xullo no Cersia para presentar o proxecto a nivel local.

O proxecto PLEEC (Planning for Energy Efficient Cities) está financiado polo 7º Programa Marco de IDT da Comisión Europea e ten como obxectivo facerse cunha ferramenta para conseguir o aforro e a eficiencia enerxética nas cidades europeas mediante a conexión entre centros de innovación cualificados no sector enerxético coas cidades participantes. Trátase de desenvolver para as cidades un plan de aforro enerxético con impacto positivo no custo mediambiental pero tamén cun claro obxectivo de eficiencia económica no uso de enerxía.

PARTENARIADO
O partenariado está formado por 18 entidades de 13 paises da Unión Europea. Entre os socios do proxecto figuran 6 cidades de tamaño mediano de España, Suecia, Reino Unido, Estoniana, Finlandia, 9 universidades e 3 empresas.

DURACIÓN DO PROXECTO
O proxecto ten unha duración de 3 anos (36 meses). Comezou no mes de abril de 2013 e finalizará en marzo de 2016. No mes de maio de 2013 tivo lugar na cidade sueca de Eskilstuna a reunión de lanzamento do proxecto, evento ao que asistiron todos os socios do proxecto e que deu inicio á posta en marcha do proxecto.

OBXECTIVOS DO PROXECTO
A Estratexia Europa 2020 pretende reducir nun 20% as emisións á atmosfera de CO2 para o ano 2020. O reto é importante e para conseguilo as cidades puxéronse a traballar sumando esforzos e cooperando entre si. O obxectivo do proxecto PLEEC é que as cidades participantes se fagan cunha ferramenta para conseguir o aforro e a eficiencia enerxética mediante a conexión entre centros de innovación cualificados no sector enerxético e as cidades participantes.

É un programa centrado no diagnóstico, a análise de boas prácticas e o desenvolvemento dunha metodoloxía común nestes ámbitos que permita a elaboración de plans para as cidades participantes. Os aspectos clave que o proxecto aborda son: edificios, sistemas enerxxéticos, redes de auga (potable, residuales), residuos (recolleita, tratamento, reciclaxe), redes de calefacción e frío, uso enerxgético, transporte e mobilidad, vehículos e cambio climático.

OUTRAS INICIATIVAS LOCAIS NO CAMIÑO DA EFICIENCIA ENERXÉTICA
Proba do interese municipal nestes temas é a iniciativa "Pacto dos Alcaldes", á que se sumou tamén o Concello de Santiago recentemente.
Entre os compromisos asumidos polos alcaldes figura o de presentar un Plan de Acción para a enerxía sostible. Con este propósito o Concello de Santiago está traballando en elaborar un Plan Director de Modernización Tecnolóxica Sostibilidade e Eficiencia Enerxética.

XORNADA DE PRESENTACIÓN LOCAL DO PROXECTO PLEEC
Terá lugar o venres 19 de xullo desde as 9:00 ata as 14:00 no Edificio Municipal CERSIA. (Alcalde Raimundo López Pol, s/n. San Lázaro). A entrada é libre e gratuita. Os interesados en asistir como público poden inscribirse no edificio CERSIA.

PROGRAMA DA XORNADA
A xornada será inaugurada polo alcalde do Concello de Santiago, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, e un representante da Universidade de Santiago de Compostela que tamén é socio do proxecto.

Consistirá en 4 MESAS REDONDAS nas que se debaterá e se intercambiarán puntos de vista sobre as oportunidades e retos para mellorar a eficiencia enerxética en aspectos clave para as cidades como son a tecnoloxía, as estruturas e os comportamentos. Cada mesa redonda corresponderase con cada un dos paquetes de traballo dos que consta o proxecto. Estarán formadas por profesionais de ampla experiencia procedentes da Administración, a Universidade de Santiago e a empresa privada.

1º MESA REDONDA: A EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS CIDADES
Participantes: representantes do Concello de Santiago, Consorcio da Cidade de Santiago, Instituto Tecnolóxico de Galicia e Universidade de Santiago de Compostela. Analizarase a situación da cidade de Santiago de Compostela desde a perspectiva da eficiencia enerxética en 6 grandes áreas e 74 indicadores co obxecto de elaborar un perfil de cidade que se poida comparar co resto das cidades europeas en términos de avances na consecución da eficiencia enerxética.

2º MESA REDONDA: A TECNOLOXÍA APLICADA Á EFICIENCIA ENERGÉTICA NAS CIDADES.
Participantes: representantes do Concello de Santiago, Telefónica, Fundación EnergyLab e Universidade de Santiago de Compostela. Debaterase como a tecnoloxía aplicada aos procesos produtivos pode mellorar a eficiencia enerxética no conxunto dos aspectos que afectan ás cidades.

3º MESA REDONDA: A EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS ESTRUTURAS
Participantes: representantes do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia, de FCC e de Castrosúa. Estudarase a forma en que o transporte e a mobilidade, as infraestruturas cidadás e os sistemas enerxéticos poden influír na eficiencia dunha cidade.

4º MESA REDONDA: OS COMPORTAMENTOS E A SÚA REPERCUSIÓN NA EFICIENCIA ENERXÉTICA NAS CIDADES.
Participantes: representantes do Concello de Santiago, da Xunta de Galicia e do Instituto Enerxético de Galicia. Analizarase a eficiencia enerxética desde o punto de vista dos comportamentos cidadáns, os bos hábitos e a concienciación da necesidade de adoptar boas prácticas no uso da enerxía.

Documentos relacionados



Compartir: