CULTURA

Berrogüetto "10.0": dez anos de experiencias musicais en Santiago de Compostela

21/06/2006 A xira de presentación de "10.0", de Berrogüetto, chega a Santiago de Compostela o xoves 22 de xuño. O grupo fará un percorrido por toda a súa traxectoria nun espectáculo que comezará ás 21:00 horas no Auditorio de Galicia, no que estarán acompañados do cantante Xavier Díaz, Trabón, os bailaríns Serxio Cobos e Cristina Nogueira e o videoartista Marcos Mosquera. O concerto terá tamén un carácter solidario, para axudar aos tres veciños condenados do Eixo.

Berrogüetto, que comezou a súa andaina no antigo festival da Cidade Vella hai máis de dez anos, é hoxe unha das bandas de world music máis importantes do mundo. Unha das marcas galegas que callaron no mercado internacional conservando a paixón pola tradición musical galega e, a un tempo, pola prospección na música contemporánea.

"10.0", o disco máis coral de Berrogüetto –dúas composicións por artista-, autoeditado enteiramente e sen colaboracións, reflicte a evolución persoal de Berrogüetto como factoría de ideas. Un traballo optimista, que aborda os problemas do mundo e que soa galego e universal. É o disco máis acústico da banda, con viaxes evocadoras (Cracovia-Brest) e apostas influenciadas pola música contemporánea, dende o jazz ao pop.

A aposta estética segue transcendendo a música e apoiándose en case todas as disciplinas converxentes. O deseñador galego Fernando Lema, autor da imaxe do disco, substitúe en "10.0" a Georges Rousse, o artista francés responsable do concepto Hepta. As fotografías son de Karlos Abal.

"10.0" é o cuarto disco de Berrogüetto despois dos recoñecidos e premiados Navicularia (1996), Viaxe por Urticaria (1999) e Hepta (2001).

O concerto do Auditorio foi presentado polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e por tres integrantes do grupo: Guadi Galego, Guillermo Fernández e Santiago Cribeiro.

Compartir: