CULTURA E CASCO HISTÓRICO

Santiago únese un ano máis ao Día Europeo da Música

20/06/2006 As prazas de Praterías e do Toural e o Casino de Santiago acollerán os actos cos que se conmemora o Día Europeo da Música o mércores 21 de xuño. É o quinto ano no que Compostela se une a esta celebración, que pretende achegar a música a tódolos públicos nun ambiente único como é o do casco histórico.

O programa abrirase ás 12:00 horas, cun concerto a cargo da Banda Municipal na Praza de Praterías. Xa pola tarde, ás 19:00 horas, o Casino de Santiago será o escenario dun concerto do pianista Javier López Jorge.

Outra proposta é o jazz, con dúas actuacións na Praza do Toural a partir das 19:00 horas. Primeiro tocarán Carmen Rey&José Nine Quartet e logo tocaralle o turono a Leo Gianetto’s Jazz Project.

Tamén haberá lugar para a música tradicional galega, coa presenza da Asociación folclórica Cantigas e Agarimos na Praza do Toural a partir das 21:30 horas. Pechará o Día Europeo da Música o concerto de Guillermo Fernández e Guadi Gallego, dous dos membros de Berrogüetto, que presentan traballo en solitario.

O programa do Día Europeo da Música foi presentado no Casino de Santiago polo concelleiro de Cultura, Néstor Rego, e a concelleira de Rehabilitación, Casco Histórico e Centros Socioculturais, Mercedes Rosón. No acto tamén estiveron Ubaldo Rueda, vicepresidente do Casino e Miguel López Fariñas, director do grupo Martín Códax.

Compartir: