CULTURA

A Real Filharmonía de Galicia e o Auditorio de Galicia presentan unha nova temporada con 29 concertos e case 100 obras

27/06/2013 O alcalde de Santiago, Ángel Currás, acompañado do director titular da Real Filharmonía de Galicia, Paul Daniel; da xerente do Consorcio de Santiago, María Antón; do director técnico da RFG, Oriol Roch; e do director-xerente do Auditorio, José Victor Carou, presentaron na Sala Ángel Brage do Auditorio de Galicia a programación da Temporada 2013 -2014, composta por 29 concertos. Durante a presentación actuaron dous grupos de Cámara da RFG.

A próxima temporada de concertos é unha clara aposta polas novidades, co obxectivo de seguir reforzando a proximidade da orquestra co público. A unión entre música e palabra será un dos eixos sobre os que xirará esta temporada, a primeira completa que liderará Paul Daniel como director artístico e titular. Esta palabra vai estar presente na figura do narrador nalgunhas obras como o Egmont, de Beethoven; As sete últimas palabras de Cristo na Cruz, de Haydn; ou no tradicional Concerto de Reis, un monográfico Satie. A maiores, impúlsase CONversamos con, unha iniciativa na que os directores e artistas comparten co público experiencias e información unha hora antes do inicio de cada concerto.

Ademais da presenza de directores e solistas de primeira liña, nesta nova temporada, a RFG presentará obras descoñecidas e pouco programadas, como por exemplo pezas de Louise Farrenc, Niels Gade ou Gaetano Pugnani, entre outras. En paralelo, tratarase de dar a coñecer a creadores de autores de vangarda coma Van der Aa, Brett Dean e compositores galegos coma Octavio Vázquez, Fernando Buide ou Juan Eiras, sen esquecer o repertorio dos grandes clásicos coma Beethoven, Mozart, Mahler, Brahms ou Haydn.

Directores e solistas convidados
A temporada inaugúrase no Auditorio de Galicia, o venres 19 de setembro, cun concerto extraordinario organizado en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Santiago. Nel, a orquestra galega, dirixida por Oliver Díaz e acompañada pola soprano Mariola Cantarero e o barítono Simón Orfila, interpretará arias de óperas de Mozart, Rossini e Donizetti.

Posteriormente, o 17 de outubro, Paul Daniel poñerase á fronte da orquestra acompañado da soprano Isabel Rey. A actuación contará tamén coa presenza do actor Quico Cadaval, quen fará de narrador en Egmont. Polo Auditorio de Galicia, ademais de Paul Daniel como director artístico e titular, Maximino Zumalave como director asociado e Christoph König, como principal director convidado, pasará unha representación de directores e solistas do panorama actual: Günter Herbig, Clemens Schuldt, Oliver Díaz, Pablo Mielgo, Hakan Hardenberger, Diego García Rodríguez, Manuel Hernández Silva, Paul Dombrecht e Fabio Biondi. Tamén volverá a Santiago, en marzo, Antoni Ros Marbà, director titular da Filharmonía nos últimos 12 anos.

Como solistas invitados destacan as sopranos Mariola Cantarero, Isabel Rey e Raquel Lojendio; o barítono Simón Orfila; a mezzosoprano Mireia Pintó; os pianistas Claudio Martínez Mehner, Martina Filjak, Behzod Abduraimov, Javier Perianes, Víctor e Luis del Valle e Alexander Melnikov; a violinista Carolin Widmann; o clarinetista Maximiliano Martín; o cellista Thomas Demenga ou o trompa Erik Terwilliger. A cellista da Filharmonía Barbara Switalska protagonizará un concerto en outubro no que estreará en España unha peza do holandés Van der Aa.

Como nas últimas edicións, o ciclo de abono inclúe tres recitais de piano con David Kadouch, Andrea Bacchetti e Cédric Tiberghien, que conforman o Ciclo de Piano Ángel Brage.

Baixo a marca CONect@ coa RFG, aglutinaranse diferentes concertos, de pequeno formato, orientados ao público infantil e familiar, así como concertos didácticos para centros escolares. En total serán once recitais, nos que a orquestra galega, ademais de interpretar pezas do repertorio máis clásico, introducirá novas obras acompañada por títeres.

A RFG en Vigo
A presenza da Real Filharmonía na programación cultural de Vigo confírmase na próxima temporada, cando a orquestra estea no Centro Cultural Novacaixagalicia nun total de nove ocasións. Este ciclo de concertos en Vigo é posible grazas á colaboración entre a propia Filharmonía de Galicia, a Fundación Novacaixagalicia e a Sociedade Filharmónica de Vigo.

Venda de abonos
Como en anteriores edicións, establécense catro modalidades de abono: un abono completo, por 271,50 euros, e tres abonos trimestrais, con prezos que oscilan entre 84 e os 127 euros. Xunto a eles, o Auditorio de Galicia oferta abonos especiais para estudantes e xubilados (cun 50% de desconto) e abonos colectivos, para asociacións culturais e veciñais.

Aqueles que queiran renovar os seus abonos poderán facelo entre o 8 e o 12 de xullo e entre o 2 e 11 de setembro. A compra de novos abonos poderase facer no despacho de billetes do propio Auditorio de Galicia, entre o 16 e o 25 de setembro.

Compartir: