XUNTA DE GOBERNO

A fortaleza da Rocha terá a súa propia web e unha publicación específica

27/06/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, abriu o procedemento para contratar un servizo de difusión do xacemento do Castelo da Rocha. Tamén se iniciou o expediente para as obras de limpeza de gabias nas pistas das parroquias.

Segundo indicou a voceira da Xunta de Goberno, María Pardo, o servizo de difusión da fortaleza da Rocha licitarase por un importe de 44.793 euros máis IVE. Este servizo encargarase da creación dunha web que difundirá o proxecto e dunha publicación que explicará a historia do Castelo da Rocha e a súa transcendencia para a cidade de Santiago.

Limpeza de gabias
Por outra parte, abriuse o procedemento para contratar as obras de limpeza das gabias das pistas rurais de Santiago de Compostela, por un importe de 61.983 euros máis IVE. Coordinaranse estes traballos segundo as demandas veciñais e de acordo ao calendario de festas das parroquias nestes meses de verán.

Vixilancia da UMAD
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a adxudicación do servizo de vixilancia das instalacións da Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) por tres anualidades e un importe de 82.060 euros.

Reclamación de subvención
Finalmente, María Pardo apuntou que se desestimou un recurso contra o acordo polo que o Concello reclama a subvención outorgada no seu día para a rehabilitación e posta en actividade dun inmoble na rúa da Conga, 9, por un importe de 316.164 euros. Lembrou que a subvención implicaba a actividade no local por un período de dez anos, pero que a empresa que a recibiu só mantivo a actividade cultural no inmoble durante seis meses. Agora, o Concello iniciará o procedemento de embargo para recuperar esa subvención.

Documentos relacionados



Compartir: