TURISMO

O Concello confía no mantemento da suba do turismo internacional e nun cambio de tendencia no doméstico

27/06/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, valorou os datos de pernoctacións do Instituto Nacional de Estatística (INE) dispoñibles e presentou as estimacións municipais de cara aos meses centrais do verán. A previsión municipal é que continúe crecendo o turismo internacional, tal como fixo nos primeiros cinco meses do ano, nos que acumula unha subida do 9,5%, destacando o crecemento de maio, cun 13,6%. Este crecemento dáse xa sobre o ano 2012, que foi o ano con maior número de pernoctacións internacionais na historia da cidade, segundo os datos do INE.

Reyes Leis afirmou que dende Turismo de Santiago se ten feito un esforzo moi importante na promoción internacional da cidade. Dende setembro do ano pasado, pensando xa nesta tempada, Turismo de Santiago fixo accións directas e a través das súas redes nos principais mercados para a cidade: Alemaña, Italia, Francia e Reino Unido. Ademais, realizou accións noutros mercados que son considerados oportunidades e que están a vivir un crecemento relevante: EEUU, Xapón, Rusia, Irlanda, Bélxica ou Noruega.

A concelleira estimou que o crecemento pode manterse tamén grazas a apertura de novas conexións internacionais en Lavacolla, especialmente a conexión de Turkish Airlines con Estambul, que achega a cidade ao mercado asiático, onde destacan Xapón e Corea do Sur, e a conexión de Easyjet con Londres que, sumada a conexión de Ryanair, fai que Lavacolla teña unha frecuencia diaria coa capital británica. Ademais, hai que sumar a ampliación de frecuencias na conexión de Aer Lingus con Dublín, que pasa de tres a catro semanais, así como as restantes conexións internacionais coas que xa conta a cidade: Milán, Frankfurt, París, Xenebra, Basel e Zurich.

Respecto ao turismo doméstico, Reyes Leis considerou que neste verán se pode deter o seu descenso e mesmo comezar un cambio de tendencia. Os datos acumulados ata maio apuntan nesa liña. En xaneiro deste ano 2013 produciuse o primeiro mes de crecemento despois de 24 meses seguidos de caídas, entre xaneiro de 2011 e decembro de 2012. Tamén houbo crecemento en marzo, aínda que este foi debido principalmente ao adianto da Semana Santa. Pero tamén se creceu un 7% en maio. Grazas a estas cifras, nos cinco primeiros meses do ano o turismo nacional descende apenas un 0,8%. A concelleira apuntou que non se trata dun bo dato obxectivo, pero pode indicar que se está preto dun cambio de tendencia.

Reyes Leis quixo recoñecer o esforzo que está facendo todo o sector turístico da cidade. "Pese aos anos difíciles que estamos a vivir dende comezos de 2011, hai moita xente que está esforzándose cada día para seguir adiante cos seus hoteis, hostais, pensións, restaurantes, cafeterías, comercios, nunha liña de traballo serio e continuado, axustando os prezos para poder competir con éxito na nova realidade, pero sen perder a calidade necesaria para continuar sendo un destino de excelencia", dixo.

Documentos relacionados



Compartir: