ALCALDÍA

O alcalde destaca o labor en prol das mulleres da Asociación de Amas de Casa Virxe de Bonaval

26/06/2013 O alcalde compostelán recibiu as integrantes da Asociación de Amas de Casa Virxe de Bonaval, presidida por Aurora Lamas dende 1991. Nun acto celebrado no salón vermello, Ángel Currás recoñeceu o labor desta Asociación en prol da muller durante varias xeracións.

Botando a vista atrás e lembrando a xénese da Asociación alá por 1966, o alcalde lembrou o papel xogado polas asociacións de amas de casa en tempos nos que "parecía inevitable esa exclusiva correspondencia entre muller e traballo doméstico". Así, referiuse en primeiro lugar ao seu labor na "toma de conciencia de que nos fogares se producía un traballo non remunerado de alto valor económico".

"Asociacións de amas de casa como Virxe de Bonaval fixeron posible a socialización de moitas mulleres; fixeron posible que moitas mulleres saíran do illamento do fogar ao espazo público das propias asociacións; fixeron posible que as mulleres se relacionaran unhas coas outras", engadiu Ángel Currás. Finalmente, apuntou que as súas actividades favoreceron que "as mulleres fosen adquirindo conciencia sobre a súa condición de suxeitos de dereito e que fosen adquirindo un criterio e unha opinión fundada sobre asuntos de actualidade, especialmente en materia de consumo".

A propósito deste último punto, referiuse ás actividades de educación no consumo promovidas nos últimos 25 anos pola Asociación, grazas ás cales "moitas mulleres compostelás se converteron, sen perda de tempo, en consumidoras especialmente racionais e esixentes". Este aspecto, dixo, cobra especial relevancia nun contexto de crise no que "descubrimos que as amas de casa de hai unhas décadas, posiblemente, foran os suxeitos económicos máis racionais".

Compartir: