TURISMO

As pernoctacións en Santiago de Compostela subiron un 10,4% en maio

25/06/2013 Santiago sumou no mes de maio de 2013 un total de 118.247 pernoctacións, fronte ás 107.153 que se produciron no mesmo mes do ano pasado, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE). Isto tradúcese nun crecemento do 10,4% respecto dos datos do 2012. Analizando os datos dispoñibles do INE dende 2005, compróbase que foi o terceiro mes de maio con maior número de pernoctacións, só superado polos meses de maio do Ano Santo 2010 e do ano 2008.

Os datos de maio foron debidos a dous factores complementarios: por unha banda, continuou o constante crecemento do turismo internacional na cidade que se está a producir dende comezos de 2012; por outra, nos datos de maio houbo un crecemento importante nas pernoctacións domésticas, que dende xaneiro de 2011 estaban a vivir meses continuos de descensos.

No pasado mes de maio houbo 61.260 pernoctacións internacionais en Santiago, un crecemento do 13,6% respecto do mesmo mes do ano 2012. Son unhas cifras importantes, posto que se trata do mellor mes de maio da historia en pernoctacións internacionais na cidade. Trátase ademais do segundo mes de maio consecutivo no que hai máis pernoctacións foráneas que domésticas, un fenómeno que ocurreu por primeira vez precisamente en maio de 2012.

As pernoctacións domésticas alcanzaron as 56.987, un 7% máis respecto de maio do 2012. Tamén é unha cifra relevante, posto que pode indicar que o mercado doméstico está vivindo unha certa recuperación na cidade, aínda que será nos próximos meses cando se poda confirmar esta certa recuperación. Precisamente é na baixada do mercado doméstico, que pola crise económica descendeu durante 24 meses consecutivos entre xaneiro de 2011 e decembro de 2012, onde se atopa unha das principais causas dos datos obtidos no último par de anos da cidade.

En termos acumulados, entre xaneiro e maio houbo 356.424 pernoctacións, un 2,8% máis que no mesmo periodo do ano 2012. O turismo doméstico suma 226.260, un 0,8% menos que no ano pasado. O turismo internacional suma 130.164 pernoctacións, un 9,5% máis. Esta é unha cifra considerable, especialmente si se ten en conta que o 2012 foi xa o ano con maior número de pernoctacións internacionais na cidade.

Compartir: