TURISMO

Área Santiago amósalle o seu proxecto a Turismo de Galicia

25/06/2013 Representantes de Área Santiago, grupo de traballo 19 concellos dos arredores de Santiago para a promoción turística conxunta, reuníronse no Pazo de Raxoi co director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luis Maestro, para amosarlle o proxecto que se está a desenvolver dendo o colectivo creado recentemente. Por parte de Área Santiago participou a concelleira de Turismo de Santiago, Reyes Leis; o alcalde de Vedra, Carlos Martínez; e os concelleiros de Turismo de Teo e Vila de Cruces, Anxo Rey e María Beatriz Iglesias.

Esta reunión súmase á que o grupo tivo a semana pasada coa Deputación de Pontevedra e á reunión prevista para os vindeiros días coa Deputación da Coruña. O obxectivo é amosarlles aos representantes das administracións provinciais e autonómica as liñas de traballo que se queren seguir dende Área Santiago, que une a 19 concellos que suman unha poboación de 270.000 persoas, prácticamente o 10% da poboación de Galicia. Así, estase presentando un Plan de Acción para o período 2013 – 2015, que foi aprobado polo conxunto dos 19 concellos e que marca as liñas estratéxicas que se consideran fundamentais para promocionar conxuntamente o territorio.

Os concellos que compoñen Área Santiago son: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Compartir: