EDUCACIÓN

Nenos de ata 3 anos aprenden as súas primeiras nocións de educación viaria

20/06/2006 A Concellaría de Educación e Mocidade, en colaboración cos servizos de seguridade da cidade, pon en marcha "Escola de Min" un proxecto experimental de educación viaria para os máis pequenos na Escola Infantil Municipal de Conxo. A actividade, que se desenvolverá o martes 20 de xuño, consiste na instalación dun Parque Infantil de Tráfico adaptado a idade destes nenos e nenas (0-3 anos) e participación nas actividades que alí organizan. Os escolares poden simular unha serie de condutas propias do seu comportamento como peóns e viaxeiros de transporte público e privado e coñecer os diferentes servizos de seguridade: bombeiros, protección civil ou policía local.

O obxectivo desta novidosa iniciativa é coñecer o contorno próximo do neno, identificando os diferentes elementos e a súa relación co tráfico. Así, preténdese descubrir a importancia que teñen as normas e os sinais de tráfico e coñecer o significado de algunhas delas, fomentando actitudes de respecto. Ademais, o programa busca achegar a imaxe dos diferentes axentes e que nos nenos adquiran e desenvolvan hábitos orientados á creación do sentido viario.

Esta actividade forma parte do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección, que contempla un conxunto de iniciativas destinadas a fomentar a prevención de riscos e a intervención diante de calquera emerxencia que se produza. Ademais, constitúe a resposta á preocupación sentida pola comunidade educativa respecto da seguridade nas instalacións educativas. Neste sentido, a implicación do profesorado constitúe un elemento determinante para a sensibilización e a incorporación de novos hábitos cívicos entre a poboación máis nova.

Unha boa parte das propostas e actuacións do programa teñen como principal destinatario a comunidade escolar, procurando adaptalas aos currículos de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria. Considérase que a idade máis axeitada para comezar a educar o hábito de autoprotección entre a poboación é a escolar, polo que as prácticas sobre como se debe actuar en situacións de perigo son o medio máis eficaz e directo para desenvolver unhas pautas de conduta e actuar cos mínimos riscos posibles en calquera emerxencia individual ou colectiva.

Compartir: