TURISMO E SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello establecerá protocolos e estudará unha posible rebaixa de taxas para promover Santiago como escenario de rodaxes

25/06/2013 Os concelleiros de Turismo, Reyes Leis; de Seguridade Cidadá, Luis Bello; e de Facenda, Cecilia Sierra, reuníronse para establecer mecanismos e protocolos para facilitar que as produtoras se interesen por Santiago como escenario para a rodaxe de filmes, documentais ou publicidade. Deste labor de promoción encárgase a Santiago Film Comission, organismo dependente de Turismo de Santiago.

Un dos temas en estudo é o de posibles rebaixas ou exencións nas taxas para as produtoras que escollan Santiago como escenario das súas rodaxes. Nestes intres, segundo lembrou a edil de Facenda, Cecilia Sierra, existe unha taxa de 400 euros ao día, con bonificacións de ata o 50%.

En materia de Seguridade Cidadá, estableceranse protocolos de actuación, co fin tamén de facilitar os labores de rodaxe e de coordinar a actuación dos corpos se seguridade municipais nestes casos.

Compartir: