TURISMO

Padrón, Rois e Teo acollen a primeira excursión organizada dende Área Santiago

21/06/2013 A concelleira de Turismo e o concelleiro de Centros Socioculturais de Santiago, Reyes Leis e Francisco Noya, acompañados do alcalde de Rois, Ramón Tojo, e os concelleiros de Turismo de Teo, Anxo Rey, e de Padrón, Carmen Lois, presentaron no Pazo de Raxoi a primeira excursión organizada dende Área Santiago, grupo de traballo composto por 19 concellos para a súa promoción turística conxunta.

A excursión preséntase baixo o título "Marabillas do Camiño Portugués de Padrón a Santiago". Trátase dunha experiencia piloto, posible grazas a implicación da concellería de Centros Socioculturais de Santiago, quen adaptou o seu programa de excursións veciñais Imos de excursión para poder encaixar esta acción, e á Asociación de Veciños de Pontesionlla, quen amosou a súa disposición a colaborar participando na ruta.

Área Santiago ten dous obxectivos complementarios: por unha banda, aumentar o número de turistas e a súa estancia media; por outra banda, fomentar o fluxo de persoas entre os concellos da área, apostando por un "Turismo Quilómetro Cero", de tal xeito que os propios habitantes da zona visiten os recursos e atractivos turísticos dos concello veciños, que en moitos casos son descoñecidos.

A excursión piloto, que se desenvolverá o próximo domingo 23 de xuño, servirá como base para testar o desenvolvemento de futuras excursións e paquetes turísticos, de tal xeito que se ampliaría a oferta de actividades para os turistas que veñan a Santiago e os arredores. Ao mesmo tempo, servirá tamén para testar a inclusión dos concellos veciños nos diferentes programas municipais de excursións, como en Santiago é o caso do programa Imos coa asociación.

A excursión xirará arredor de puntos destacados nos últimos quilómetros do Camiño Portugués. En primeiro lugar, visitarase o Casco Histórico de Padrón: a igrexa de Santiago, que garda baixo o seu altar maior o Pedrón, onde conta a tradición que amarraron a barca do Apóstolo; o convento do Carme, a praza de Macías o Namorado... En Padrón tamén se poderá visitar o Mercado Dominical, un dos máis grandes de Galicia.

Ao mediodía visitarase o convento franciscano de Herbón, que conta con máis de 600 anos de historia e onde se plantaron por primeira vez os coñecidos e únicos pementos de Herbón, traídos de México polos franciscanos. O convento actualmente tamén funciona como albergue de peregrinos, que poden descansar nun excepcional entorno antes da súa última etapa a Santiago.

Pola tarde visitarase a aldea de Angueira de Castro, xa no Concello de Rois, para ir camiñando ata o Pazo do Faramello, con máis de tres séculos de historia, fundado a partir da Real Fábrica de papel e empregado pola Coroa Real. Dende aquí farase un tramo do Camiño Portugués, para rematar o percorrido na centenaria carballeira de Francos, xa no Concello de Teo, onde se atopa un dos cruceiros más antigos de Galicia, do século XIV.

Área Santiago está formada por: Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Trátase dun grupo de traballo para potenciar conxuntamente o sector turístico na zona. Os concellos suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Compartir: