XUVENTUDE

Estudantes de comercio con bo nivel de idiomas axudarán a turistas e hostaleiros

21/06/2013 A concelleira de Xuventude e Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, reuniuse cos presidentes da Asociación Hostalería Compostela, José Otero e Jesús Sordo, e un representante do grupo PREMIR. O obxectivo desta xuntanza é preparar un proxecto piloto de voluntariado co que se pretende que estudantes de comercio internacional na mencionada academia, con bo nivel de inglés, entre outros idiomas, sirvan de axuda a turistas e hostaleiros.

Ademais de indicar direccións e de levar consigo información cultural e guías da cidade para os turistas que o desexen, os voluntarios estarán localizables para que os hostaleiros que o desexen poidan contactar con eles e obter rápida solución a problemas de entendemento que xurdan nos locais con turistas estranxeiros.

Os mozos e mozas irán cunha indumentaria identificativa (camisetas nas que constará a inscrición "can I help you?" e unha chapa cos idiomas que dominan cada un) e estarán durante unhas tres horas cada día polas rúas máis transitadas. Inicialmente hai 11 voluntarios que se apuntaron a esta iniciativa.

Compartir: