TURISMO

A Catedral, o Concello, Hostalería e a Cámara de Comercio crean unha "Homenaxe ao peregrino" co Botafumeiro

20/06/2013 A Catedral de Santiago de Compostela, Turismo de Santiago, a Asociación Hostalería Compostela e a Cámara de Comercio asinaron un acordo de colaboración para a conservación e posta en valor do patrimonio histórico artístico do templo compostelán, no que se inclúe o funcionamento semanal do Botafumeiro, entre outras accións.

No Salón Verde do Pazo de Raxoi asinaron o documento, ante o alcalde de Santiago, Angel Currás, a concelleira Reyes Leis por Turismo de Santiago; o administrador xeral da Catedral, Francisco Domínguez; o presidente dos hostaleiros da cidade, José Manuel Otero, e o presidente da Cámara de Comercio, Jesús Asorey.

O propósito do acordo é poñer en marcha iniciativas que contribúan a "recuperar o patrimonio histórico artístico da Catedral" e a "manter vivo o espírito do Camiño de Santiago na meta final das rutas xacobeas", proxectando o carácter universal, aberto e fondamente hospitalario da cidade e da propia Catedral.

"Homenaxe ao peregrino" todos os venres
As partes comprométense a "participar activamente no plan de mecenado da Catedral de Santiago, contribuíndo á súa conservación e posta en valor". Para isto, acórdase a creación da chamada "Homenaxe ao peregrino", que consiste na posta en funcionamento do Botafumeiro na Catedral de Santiago todos os venres deste ano, ás 19:30 horas, "como agradecemento da cidade ao esforzo dos centos de peregrinos que chegan todas as semanas a través dos Camiños de Santiago".

Cabe destacar que, grazas a este convenio, o Botafumeiro pode verse na Catedral de Santiago puntualmente todos os venres xa dende o pasado mes de abril, marabillando a peregrinos e composteláns co seu amplo voo polo transepto.

Documentos relacionados



Compartir: